Drons inspirados nas abellas para polinizar

Máis alá do transporte, do ocio, dos deportes ou da fotografía, os drons poden ter aplicacións científicas e útiles como na medicina, por exemplo. Agora, un grupo de científicos xaponeses está a crear robots voadores inspirados nas abellas co fin de acabar coa crise de polinización global.

O Instituto avanzado de Ciencia e Tecnoloxía Industrial (AIST) de Xapón teme a velocidade coa que están a morrer as abellas. A despoboación deste insecto inflúe directamente no ecosistema alimentario xa que a polinización dos insectos inflúe na maioría dos alimentos consumidos polos seres humanos. Para solucionar isto, crearon un dron capaz de polinizar as flores de forma similar a como o fan as abellas.

O equipo comprou un conxunto de drons de 100 dólares cada un, en Amazon, aos que lles engadiron pelo de animal e outras características que os asemellen ás abellas, co fin de que o dron sexa o máis parecido ao insecto. O pelo do animal co que foi modificado está cuberto cun xel especial que atrae e atrapa o pole. Ao fregar, pode recoller o pole e lévao de flor en flor.

Os drons aínda son só unha idea e non están preparados para saír a polinizar. Polo momento, malia que as probas foron satisfactorias, preténdese desenvolver unha intelixencia artificial e un sistema dotado de cámaras e GPS para que poidan desprazarse por si sós.

“Cremos que os polinizadores robóticos poderían ser adestrados para aprender os camiños de polinización utilizando sistemas de posicionamento global e intelixencia artificial”, explica a Phys o xefe do equipo de AIST, Eijiro Miyako.

Non se trata da primeira vez que uns investigadores fusionan a idea de drons ou insectos. A compañía Draper traballa nun híbrido entre libélula e dron, chamado DragonflEye, baseado nunha pequena mochila conectada ao sistema nervioso dos insectos e que podería utilizarse para labores como a espionaxe, a vixilancia ou a medicina.

(Fonte: Agencias)