Drons galegos cruzan o Atlántico cara a Latinoamérica

A crecente demanda enerxética levou a moitos países a reforzar as súas fontes de enerxía renovables e non dubidan en apostar polos drons para mellorar o mantemento das infraestruturas por un dobre motivo: abarátanse custos e minimízanse os riscos para as vidas humanas. Ante este novo escenario, Aerocámaras, compañía líder en formación e operacións con aeronaves non tripuladas, desenvolveu un sistema de inspeccións técnicas de parques eólicos co que xa opera tanto a nivel nacional como internacional, destacando a súa recente  presenza en Latinoamérica. Concretamente, os seus drons xa sobrevoan parques eólicos de Portugal, Italia e México, e proximamente comezarán a operar tamén en Porto Rico, Chile e Brasil.

Estes servizos, que son executados por pilotos profesionais, representan unha tecnoloxía que aspira a ser esencial no futuro á hora de realizar o mantemento de grandes infraestruturas en todo o mundo, seguindo o exemplo de España. A compañía asegura que as vantaxes que achegan as inspeccións técnicas con drons ao sector enerxético son múltiples. «Permiten a comprobación do estado das estruturas dunha maneira eficaz e segura, ademais de detectar avarías con rapidez e descartar falsas alertas sen necesidade de que os empregados se expoñan a perigos innecesarios», apunta.

Recalca que o sistema permite abaratar custos á vez que se inspeccionan grandes superficies en tempo récord, facilitando o acceso a zonas complicadas e detallando o estado da estrutura grazas ás diferentes clases de medicións. A autonomía destes aparellos facilita o traballo en parques eólicos ao poder subir a grandes alturas e revisar torres, góndolas e pas, alcanzando resultados máis eficaces que os medios tradicionais.

Con guindastres

Até agora, a inspección e o mantemento de turbinas eólicas víñase realizando con guindastres e plataformas hidráulicas, así como con corda e andamiaxe para escalar as estruturas. Isto requiría asumir uns tempos e riscos elevados que se reducen co uso de aeronaves non tripuladas.

Con este novo sistema, a diferenza é palpable: grazas aos drons, cada pa pódea inspeccionar unha persoa soa nuns 10 minutos, e o total da estrutura nun máximo de 40 minutos, mentres que a revisión tradicional realízase ou con cámaras desde terra -achegando mala calidade- ou con descolgues polas pas, o que implica riscos laborais, ademais de moito persoal e loxística.

Para levar a cabo estas tarefas, utilízanse drons de nivel industrial, robustos, que soportan fortes refachos de vento e inclemencias climatolóxicas, dotados de sensores LiDAR (miden a distancia cun láser), RGB e térmicos que permiten detectar danos nas pas, torres ou góndolas con gravacións en alta resolución e termográficas. Con estas cámaras detéctanse todo tipo de anomalías con rapidez e precisión, o que axiliza a reparación de posibles avarías.

Jaime Pereira, CEO de Aerocamaras, destaca que «o mantemento tradicional destas grandes infraestruturas ten uns custos e un grao de dificultade moi elevados. O sector pedía a berros un cambio e os drons destapáronse como a solución. Por iso numerosos parques eólicos de diferentes puntos do mundo interesáronse polos servizos que poden achegar as nosas aeronaves e puxéronse en contacto connosco. Agora xa comproban en primeira persoa os resultados mentres Aerocamaras estende a súa marca a nivel internacional».

Fonte: Diario de Pontevedra