A tecnoloxía consolídase como aliada na loita contra a contaminación mariña, axudando a detectar, cuantificar e mesmo evitar a chegada de residuos como o plástico aos nosos mares a través do uso de drons. Un tipo de vehículo non tripulado tamén empregado fronte ás verteduras mariñas, con grandes resultados á hora de controlar e coñecer o estado destas evacuacións contaminantes.
Precisamente, hai unhas semanas, as augas da Ría de Vigo acolleron un simulacro nesta liña. Un exercicio organizado polo Centro de Coordinación de Salvamento Marítimo (SASEMAR), no que se puxeron a proba diferentes sistemas para o seguimento da mancha da vertedura mediante dron, o uso de barreiras para a súa contención e a súa posterior recollida.
O simulacro, para o que se empregou aceite de peixe, tivo lugar entre o illote Boeiro e Cabo Vicos, nas Illas Cíes, e contou coa participación das embarcacións María Pita e Salvamar Mirach, o Centro de Coordinación de Salvamento Marítimo de Vigo e un dron helicóptero da Axencia Europea de Seguridade Marítima (EMSA), operado pola empresa norueguesa Nordic Unmanned.
Non é a primeira vez que a Ría de Vigo acolle exercicios con uso de drons para o control de verteduras, xa empregados nalgunha outra ocasión en colaboración coa Xunta de Galicia e obtendo grandes resultados.
Fonte: Faro de Vigo