Drons con selo pontevedrés para vixiar desde o ceo o verán galego

Os drons son a aposta de moda entre a Xunta de Galicia e os concellos galegos para tarefas de vixilancia, especialmente de cara ao verán, onde a verificación das medidas anticovid antóllanse cruciais para evitar que se repita o do ano pasado, cando se dispararon os casos en setembro e outubro pola relaxación das medidas.

A súa enorme maniobrabilidade e a súa axilidade no aire, unidas a unha autonomía que a tecnoloxía se encarga de aumentar paulatinamente, son argumentos suficientes para que distintas administracións decidisen incorporar estes aparellos nos seus persoais de reforzo estival. Todos os drons distribuídos teñen selo pontevedrés, o da empresa Aerocamaras, con sede en Lalín e líder a nivel nacional na industria deste sector. Ademais dos RPA (siglas en inglés de “avión controlado de forma remota”), o equipamento inclúe sensores, formación, xestión de permisos e acompañamento en varios proxectos.

«Incorporando estas novas ferramentas ao seu traballo diario, os concellos e o resto de institucións públicas poderán mellorar a efectividade dos seus servizos rebaixando os seus gastos», destaca Pereira Gil, fundador e CEO de Aerocamaras. O papel da empresa pontevedresa é prestar apoio loxístico aos seus clientes e formar ao seu persoal para o correcto manexo das aeronaves.

Varios municipios galegos xa utilizan drons para múltiples funcións e contaron con Aerocamaras para completar a súa experiencia neste ámbito. Así, en Sanxenxo os drons vixían que se cumpran as medidas de aforamento e distanciamento social impostas pola covid-19, mentres que o Concello de Lalín utiliza drons para múltiples tarefas, como gravacións audiovisuais, entre outros. En Ribeira empréganse estas aeronaves para vixiar as praias e mesmo a Xunta de Galicia recorreu a elas para tarefas de loita contra os incendios forestais e de mellora do monte.

Jaime Pereira remarca a importancia de que as institucións incorporen este tipo de ferramentas na súa rutina: «Os servizos públicos son un dos sectores onde os drons teñen máis posibilidades de aplicación. O aforro económico que supón o uso de aeronaves non tripuladas convértese nun factor clave en situacións nas que hai que axustar ao máximo os orzamentos». Ademais, incide en que «a rapidez e precisión que permiten os drons axudarán ao persoal público a realizar as súas tarefas, alcanzando o nivel de éxito que demandan os cidadáns».

O máximo responsable da firma especializada conclúe que «axentes de Policía, Protección Civil, Bombeiros e o resto de persoal da administración pública pode traballar dunha maneira máis rápida, cómoda e segura para atender mellor ás catástrofes naturais, realizar tarefas de vixilancia ou seguridade, vixiar eventos concorridos, inspeccionar infraestruturas, etc.».

A empresa

Aerocamaras é a compañía de drons número 1 de España. Pioneira no desenvolvemento de UAS, formación, xestión aeronáutica e servizos profesionais con drons, formou xa a máis de 20.000 alumnos e converteuse na mellor escola de pilotos de drons. Conta con máis de 30 delegacións repartidas por todo o territorio nacional. Entre o seu persoal atópanse pilotos con máis de 25.000 horas de voo acumuladas, asesores aeronáuticos, aeromodelistas e enxeñeiros especializados encargados do desenvolvemento de UAS profesionais como o AeroHyb Hexacopter.

Este dron híbrido é capaz de realizar voos de até 7 horas e está deseñado para levar a cabo servizos profesionais como inspeccións técnicas, tarefas de emerxencias, seguridade, topografía, agricultura de precisión ou audiovisual.

Fonte: Diario de Pontevedra