Hai dous anos a Javier Fernández e Bárbara Alonso, un arquitecto e unha enxeñeira de Vigo, ocorréuselles reciclarse profesionalmente e crear a iniciativa “Lamparasdecarton”. Vendo a picada da burbulla inmobiliaria e as enormes oportunidades que ofrecían os materiais ecolóxicos e reutilizables, comezaron a deseñar unhas lámpadas tanto de sobremesa como de teito con deseños orixinais e fabricados con “cartón FSC”.
Este tipo de material procede das tallas controladas daqueles bosques que son xestionados de forma ambientalmente responsable. Os deseños son propios e teñen dúas liñas de negocio: as lámpadas de catálogo e os proxectos personalizados.
Nas lámpadas de catálogo o cliente será o encargado de elixir modelo, cuxo custo oscilará entre os 80 e os 300 euros, e a cor, con tres gamas de cores dispoñibles. Outra opción sería a de encargar unha lámpada personalizada. Pezas específicas elaboradas a partir dun esbozo que logo se encargan de materializar en cartón.
A súa duración é a mesma que calquera outra lámpada convencional, aínda que se ben é certo que utilizan as técnicas máis avanzadas de fabricación mediante a superposición de pezas de cartón para ofrecer unha “iluminación única, exclusiva e personalizada”, sinalaron os seus creadores.
O proxecto comezou cunha pequena produción de lámpadas como proba. Foron 30 unidades e vendéronas en catro meses. Cos beneficios que obtiveron delas durante 2013 dedicáronse a reinverter o gañado na empresa e buscaron financiamento, que lles chegou grazas ao programa “Vía Vigo”, e que lles permitiu obter 50.000 euros nunha competición na que superaron 140 proxectos.
Ademais, chegaron a acordos industriais con empresas para utilizar baixo aluguer a súa maquinaria para cortar as pezas de cartón e tamén estableceron alianzas con provedores. Por iso, non descartan comprar a maquinaria no futuro, se se amplía a produción.
(Fonte: Innovaticias)