Se algo non lles falta a estes profesionais é valentía. Unha sentenza que se podería aplicar a calquera tipo de emprendedor, pero no seu caso, en pleno ecosistema dixital, podería dicirse que os alicerces se cambalean con moita máis facilidade. O seu mercado é o mundo. A súa competencia tamén, e a súa contorna e retos cambian á velocidade da luz.
Por iso, sorprende aínda máis que este tipo de emprendedores non só puxeran en marcha empresas e as venderan pouco despois, senón que poidan convivir movendo os fíos de varios proxectos á vez. Proxectos que en moitos casos pouco teñen que ver os uns cos outros.
O compostelán Daniel Seijo converteuse en emprendedor dixital cando poucos intuían que sería iso. “Era o 2005. Tiña 21 anos e non sabía que era unha empresa. Vin unha corrente de blogs que estaba a cambiar a forma de consumir información. O plan de negocio era un pano de mesa. Non imaxinaba o que viría despois”. Esa empresa chamábase Diariomotor, despois chegou ¿Que coche compro? e, dende o 2016, é o CEO de Menéame.
“O reto actual é moi diferente, unha plataforma xa madura. Emprender non é o mesmo. Non todo o mundo vale, igual que os emprendedores non valemos para moitas outras cousas”, comenta. Ademais dos seus múltiples proxectos, dende o 2013 capitanea Civeta Investment. Dende a súa veteranía, apoia os novatos. “Cando empezamos, os fondos de investimento falaban unha linguaxe distinta á das startups. Nós podemos estar máis preto dos emprendedores. Por sorte, o panorama cambiou moito”. Por iso, Daniel anima a quen teña unha idea a que probe. “O erro máis habitual é crer ter unha idea fantástica e pensar que o disparo non vai fallar e prepararse un ano para facelo. O emprendemento non é un tiro con arco. É a selva. Cando antes se empece, mellor”.
O vigués Pablo López estivo e está en catro ou cinco proxectos ao mesmo tempo: dende as apps ao 3D. El goza desta vida de emprendemento en serie, pero pide “sentidiño”. “Moitos fóronse ao burato. Só o 3% das startups sobrevive máis de tres anos. O meu consello é que hai que contar cunha idea testada, validada, con clientes ou investidores ou un colchón financeiro dende o minuto un. Non é malo darse un golpe, pero hai que telo claro”.
Sabe do que fala. A el pasoulle e ten máis que asumido que o fracaso volverá asomar nalgún momento. “Este mundo móvese moi rápido. Hai quen monta proxectos coa intención de vendelos nun par de anos. Para especular. Outros vémolo diferente: eu teño cinco proxectos en marcha e cada un xérame un tanto. Pero si, é probable que se a idea é boa, chegue unha empresa e a leve”.
É o que lle sucede a moitos emprendedores en serie como Juan Carlos Riveiro. A cotizada Broadcom comprou o seu Gigle Networks por varios millóns de euros. El permaneceu na estrutura para despois arrancar unha nova startup, Vilynx. “As compañías compran outras para crecer e facerse máis grandes. Decídese comprar porque avanzas máis rápido e adquires talento. A xente só ve os millóns, pero nisto hai que analizar dous valores. Por un lado, a tecnoloxía, o produto ou a propiedade intelectual. Por outro, o equipo. ¿Cantos xogadores pode fichar o Barcelona ou o Real Madrid que teñan un impacto real, como Messi ou Cristián? ¿Non é máis barata a canteira e facela crecer? Pois o mesmo: en tecnoloxía non se compra presente que teña impacto no tamaño da compañía. Cómprase mirando ao futuro. Cando Google comprou Android eran 15 persoas. Mesmo Apple, que non se caracteriza por comprar, obtén todos os seus procesadores dun grupo dentro da compañía que no seu día empezou coa compra dunha startup”, explica Juan Carlos, poñendo por diante que hai compras que funcionan e outras non.
Non importa o sector
O de Lalo García Torres é un deses exemplos que a calquera mortal lle faría pensar un bo anaco. Traballou en Cupa Group, un dos grandes imperios da lousa, e agora tanto inviste en startups, como ten as súas propias. Proxectos que ás veces non están nas súas mans a longo prazo. “Os profesionais das startups teñen en común que nos gusta vivir a fase inicial do ciclo das empresas e non tanto a súa madureza. Creo que depende máis do perfil do emprendedor que do modelo da empresa. Non debemos identificar as startups só nun sector. Pensa que achegan o seu gran de area á transformación dixital de sectores máis tradicionais, como a banca, a automoción ou a sanidade,”, apunta.
De xiros profesionais sabe bastante David Bonilla. Este empresario presume de galego e fala moi claro. “¿se son un emprendedor en serie? Se iso significa que cometín a idiotez de emprender máis dunha vez, si. Sono”, explica. E é que tanto na súa páxina web, nas súas redes, como nos seus eventos, explica a súa experiencia de forma moi franca. Sen adornos.
David tiña aforros para dous anos cando lanzou Otogami, un comparador de videoxogos. “Lanceime con máis de 30 anos e máis dunha década aforrando. Podíao dedicar a unha hipoteca ou a outro investimento, pero fun un afortunado. Non todo o mundo pode aforrar cos soldos deste país”. Ter ese peto tiña unha explicación. Estaba preparado para non ter ingresos a curto prazo. “No mundo startup había moito fume. Xente que pintaba o proceso de cor de rosa. Como se fose algo que resolves nun par de tardes tomando café. A realidade é máis complicada. O 75% non saen adiante e as que o fan é despois de anos de duro traballo”.
Cre que, en canto ao financiamento, as cousas están a cambiar, “hai moitos máis fondos que antes e unha rede de business angels importante. Pero o mellor investimento de todos é o diñeiro dos teus clientes. Primeiro vende, logo inviste, constrúe, contrata, fai o que queiras, pero primeiro vende”. Dío porque sabe tanto o que é lanzarse como emprendedor, como formar parte da sólida estrutura dunha compañía. “Non todo o mundo vale para isto. Parece que hai presión para emprender, como se foses un vago sen dereito a queixarse se non te lanzas. A xente que o fai alegremente dáse contra un muro de cemento. Chámase realidade”.
(Fonte: La Voz de Galicia)