Dez mil millóns dos fondos europeos para a automoción

Fabricantes, concesionarios e sindicatos pediron que o Goberno demore a aplicación do novo protocolo de emisións WLTP, que suporá a subida do novo imposto de matriculación que entrará en vigor o vindeiro 1 de xaneiro, incrementando o prezo dos vehículos. Con todo, a ministra de Industria, Reyes Maroto, alegou que a súa aplicación «non depende do Goberno».

A Comisión Europea estableceu unha normativa cuns prazos e España aprobou unha moratoria hai dous anos que remata o 31 de decembro. Por iso Maroto confirmou que están a analizar as medidas a tomar para «compensar o impacto» que vai encaixar o sector pola subida do imposto de matriculación.

As operacións de axuda e recuperación do sector estarán apoiadas por uns 10.000 millóns de euros no vindeiros tres anos procedentes dos fondos europeos, o que significa o 14 % do total do sobre español do Next Generation EU. «O obxectivo é que sexa unha panca para a recuperación económica e social nos vindeiros anos», subliñou Maroto.

Esta gran mobilización de recursos dividirase en tres eixos, onde o máis importante será un plan de choque de mobilidade sustentable en contornas urbanas e metropolitanas, cun orzamento de máis de 6.000 millóns. Estableceranse zonas de baixas emisións, despregaranse as infraestruturas de recarga e impulsarase o desenvolvemento de novos modelos de negocio, así como a modernización do parque público con vehículos limpos.

O segundo eixo pasa por enraizar o hidróxeno renovable, que mobilizará máis de 1.500 millóns de euros. E como terceiro elo, unha liña de apoio a proxectos estratéxicos para a transición industrial (1.200 millóns). O seu obxectivo é, segundo a ministra, impulsar a modernización do ecosistema nacional da industria do automóbil a través da conectividade 5G e a mellora da eficiencia enerxética de toda a cadea de valor. «Poranse en marcha novos programas de axudas para innovacións tecnolóxicas en mobilidade eléctrica», asegurou tamén Maroto.

Planta de PSA

O grupo PSA confirmou o envío dun proxecto ao ministerio para transformar a súa planta de Zaragoza e fabricar máis coches eléctricos. Este plan require un investimento de 230 millóns de euros. Maroto admitiu que PSA foi o fabricante «máis ambicioso» respecto dos obxectivos de descarbonización, xa que o seu plan é que en 2025 todos os seus vehículos sexan eléctricos.

Fonte: La Voz de Galicia