Para iso, os investigadores valéronse dunha tecnoloxía limpa denominada “clasificación por aire” que permite dividir o produto da moenda en diferentes fraccións sen alterar as súas propiedades e evitando a formación de subprodutos de refugallo no proceso de moenda. “A clasificación por aire divide o produto de moenda en función do tamaño das partículas, as súas propiedades e, o que é máis interesante, permite obter fraccións con diferente composición química”, explicou Ana Maria Gómez Caravaca, investigadora principal do proxecto.
Desta forma, o produto de moenda divídese en fraccións grosas e finas. “As primeiras, correspondentes á cariópside e ás capas máis externas dos grans de cereais, son ricas en compostos antioxidantes e fibra soluble (en particular betaglucanos); mentres que as fraccións finas, correspondentes á fariña refinada conteñen máis proteínas”. Grazas a estes resultados, os científicos puideron formular uns espaguetis, utilizando a fracción grosa, con alto contido en compostos antioxidantes derivados da fibra soluble.
Ademais, como explica a investigadora Gómez Caravaca, “unha das propiedades dos betaglucanos é a de diminuír o colesterol en sangue. Isto fai que o seu consumo sexa beneficioso para a prevención de enfermidades cardiovasculares”. Tanto é así que os novos espaguetis funcionais “alcanzaron os requisitos da Food and Drug Administration (FDA) americana para poder etiquetar a pasta como boa fonte de fibra e con capacidade de reducir o risco de enfermidades cardiovasculares”.
(Fonte: Innovaspain)