As novas tecnoloxías están a cambiar a forma de traballar. Nos últimos anos, moitas empresas tenden a utilizar grandes espazos sen despachos e envórcanse no traballo colaborativo. Neste contexto, a empresa Pynk Systems está a introducir no mercado un novo concepto de posto de traballo denominado Ergon Desk, cun deseño ergonómico e elementos móbiles no taboleiro adaptables ao traballo con portátiles e tablets, que se xestiona dende unha aplicación.
“Ao comezar o día fariamos un log-in no posto e automaticamente a mesa recoñecería a nosa configuración de traballo, a nosa altura (tanto de pé como sentado) e as nosas preferencias en canto a inclinación de taboleiro”, explica David Mata, CEO de Pynk Systems.
Cada posto é elevable para permitir traballar de pé e está equipado con sensores que aprenden dos patróns de comportamento do usuario, recomendándolle cambiar de postura e facer descansos en función dos criterios ergonómicos que mellor se adapten á súa forma de traballar. “Hai unhas 35 enfermidades asociadas coa vida sedentaria polo tempo que pasamos sentados no traballo, e a Ergon Desk axuda a minimizar estas doenzas ademais de incrementar a produtividade da xornada laboral”, indica David Mata.
O deseño ergonómico de cada posto optimiza o uso de espazo e ofrece a mesma superficie de traballo ocupando un 30% menos de espazo de oficina que unha distribución convencional, segundo os seus creadores.
Segundo o CEO de Pink Systems, “entrar no Parque Científico da UC3M foi fundamental á hora de apoiarnos no deseño da incorporación das tecnoloxías máis avanzadas ao produto e tamén nos está a dar moita visibilidade de cara a lanzar o produto ao mercado”.
(Fonte: Notiweb)