Desenvolven un casco cunha tecnoloxía intelixente que aumenta a seguridade para o sector industrial e mineiro

Unha empresa onubense creou un casco intelixente chamado “Angel Helmet”, que inclúe unha serie de características pensadas para aumentar ao máximo a integridade e seguridade dos operarios no sector da minería e a industria.

Aínda que á primeira vista podería parecer un casco normal, os materiais cos que está elaborado, o seu deseño e a súa avanzada tecnoloxía son totalmente innovadores. Recuberto dunha envolvente luminescente de alta resistencia, “Angel Helmet” inclúe sensores de seguridade, sistemas de comunicación, detección de movemento e de impacto, ademais de localización activa e pasiva. Todo iso contribúe a localizar e protexer o mineiro, bombeiro ou operario de mantemento de galerías de grandes cidades.

As características técnicas que fan deste dispositivo de seguridade unha ferramenta innovadora residen nos 10 sensores que incorpora: un detector de gases capaz de analizar a calidade atmosférica, un sensor que avisa automaticamente ao cadro de control en caso de que operario se atope inmóbil por desfalecemento (sistema home morto), un detector que alerta ao exterior en caso de impactos, un sistema para minas subterráneas que monitoriza sen límites de profundidade e localiza a tempo real o operario por radio e fibra óptica, unha localización activa por GPS para minerías a racho ou ceo aberto.

Ademais, permite tamén a localización pasiva grazas a un sistema de radio de potencia aumentada (non precisa de alimentación eléctrica para funcionar e está operativo 10 anos) que incorpora unha antena direccional para que as brigadas de rescate poidan localizar a un ou varios mineiros tras unha galería en lapas, fume ou unha pequena derruba, un aviso de alerta ao operario mediante vibración, luz led e son, un sistema de comunicación bidireccional co exterior por mensaxería de texto e sen límite de profundidade, sistemas de control interactivo co operario tomando decisións por el se este non responde e informándoo de posibles perigos; e por último, un botón para alertar ao exterior ou ao cadro de control en situacións urxentes de S.O.S.

Presistem, a compañía responsable do desenvolvemento, fabricación e comercialización de “Angel Helmet” a nivel mundial, recibiu numerosos recoñecementos como o premio iNeXe 2011 e Andalucía Emprende 2013. Trátase dunha empresa de enxeñería especializada en traballos de I+D+i con base en Huelva que está dedicada ao deseño e fabricación de produtos, sistemas e instalacións de alta tecnoloxía.

(Fonte: Innovamás)