AirProbe, por un lado, permite medir a contaminación do aire grazas a un sensor que se pode cargar de forma doada nun bolso ou unha mochila e que manda sinais por Bluetooth ao dispositivo móbil para informar sobre os niveis de ozono, carbono negro ou doutras partículas contaminantes no arredor. Por outra parte, WideNoise, que xa estaba sendo utilizada por máis de 10.000 persoas, é a aplicación deseñada dentro deste proxecto europeo para medir a calidade do son.
“Grazas ás novas tecnoloxías, estamos agora na era da ciencia cidadá, onde todo o mundo pode crear, recoller e compartir datos para o ben común”, dixo o vicepresidente da CE e responsable de Axenda Dixital, Neelie Kroes. Estas dúas aplicacións foron deseñadas por investigadores científicos e informáticos belgas, alemáns, italianos e británicos que pretenden con iso incrementar o nivel de concienciación da cidadanía respecto ao medio ambiente. Os datos recollidos a través da aplicación AirProbe recompílanse para informar o resto de cidadáns acerca das áreas máis contaminadas, así como das horas puntas nas que pagaría a pena evitar a contaminación.
Tamén poden servir a autoridades e científicos para analizar as tendencias de contaminación e publicar os resultados para o coñecemento dos cidadáns, indica a CE. Para o desenvolvemento desta aplicación, os investigadores realizaron probas con máis de 300 voluntarios e recolleron un total de 28 millóns de puntos de calidade do aire. “O proxecto Everyware está destinado a capacitar as persoas e darlles ferramentas doadas pero precisas para medir a calidade do aire e o ruído”, dixo o coordinador do proxecto e investigador da Fundación ISI en Torino, Vittorio Loreto.
A contaminación do aire é un grave problema que atinxe a Europa e que provocou a morte prematura dunhas 400.000 persoas, explica a CE. A mala calidade do aire tamén incrementa os custos médicos e reduce a produtividade económica, ademais de danar os cultivos e os edificios, asegura o Executivo comunitario. O proxecto Everyware foi premiado cun fondo do sétimo programa marco da Unión Europea (UE) para a investigación e o desenvolvemento tecnolóxico (2007-2013), que se atopa dentro do programa de investigación e innovación Horizonte 2020 da UE.
(Fonte: EFE)