O equipo leva máis dun ano embarcado neste proxecto que trata de aproveitar o excedente que se dá na localidade de Mihama, unha localidade do sur da prefectura de Mie (oeste de Xapón) famosa pola súa produción de laranxas. O equipo conseguiu que un vehículo duns 14 quilos activado por control remoto funcione mediante unha mestura de gasolina e este novo biocombustible de laranxa, informou o diario Asahi.
“Este biocombustible podería ser utilizado para tractores e segadoras agrícolas con motor de gasolina”, explicou ao rotativo o profesor de bioenxeñería da Universidade de Mie que dirixiu a investigación, Yutaka Tamaru.
O equipo mesturou en tanques laranxas non aptas para o seu consumo (pasadas ou danadas), así como as escouras que quedan tras producir zume deste cítrico cunha bacteria, clostridium cellulovorans, obtida a partir de labras de madeira. Esta bacteria descompón as fibras de celulosa e produce un azucre que, ao fermentar xunto a outro microorganismo engadido, produce este biocombustible de laranxa nuns 10 días. O equipo logrou extraer uns 20 mililitros de biocombustible duns 3 quilos de laranxas descartadas e escouras de laranxa.
A substancia tamén resultou menos corrosiva que o bioetanol, normalmente producido con millo ou remolacha, xa que o 70% do seu contido é biobutanol, que non reacciona tan doadamente coa humidade. O biobutanol, ademais, ten maior poder calorífico que o bioetanol, e fai posible que a porcentaxe de biocombustible sexa maior cando se mestura con gasolina.
(Fonte: La Razón)