Desenvolvemento de produtos alimentarios naturais a partir de castaña (Centro Tecnolóxico da Carne)

Amarelante Sociedade Cooperativa Galega está a desenvolver novos produtos naturais a partir da castaña como son a castaña seca, fariña de castaña e bica de castaña. “Nun principio centrámonos na venda de castaña fresca pero dende o 2015 demos un paso máis e con axudas adquirimos a nave e a maquinaria necesaria para comezar o proceso de transformación” -indica Óscar Freire, un dos socios que está detrás deste proxecto.

As castañas de menor calibre sécanse e así estacionalizan o producto, obtendo a fariña de castaña coa que posteriormente elaboran a bica, un tradicional dulce galego. A cantidade de castaña recollida varía moito dun ano para outro. “Secamos entre 20 e 40 mil quilos pero perdes dous terzos do peso total. De aí teñen que pasar pola peladora e algunhas non quedan ben ou mesmo teñen o bicho dentro”, explica.

Agora a cooperativa colabora co Centro Tecnolóxico da Carne en Ourense e coa Aula de Productos Lácteos da Universidade de Santiago para desenvolver novos produtos. Uns copos de fariña seca para o almorzo, barriñas que se todo vai ben comezarán en marzo a comercializarse e tamén unha bebida vexetal de castaña xa para sacala á venda en setembro.

Obxectivo: que o valor engadido quede en Galicia

Estamos ante un sector que está fortemente desorganizado con pequenos produtores onde principalmente a castaña se vende a intermediarios e despois vai a exportación, polo que pouca se queda na comunidade para transformar. “Nós como cooperativa pretendemos xerar emprego e riqueza aquí, que o valor engadido quede en Manzaneda e non se vaia para fóra”, destaca.

O seu obxectivo non é meter a nosa castaña en Italia ou Francia como é no caso do que está a suceder na venda do 90 ou 95% da produción galega, senón saír directamente cun produto finalizado.

Fonte: El Correo Gallego