Deseñan unha ventá capaz de converter o vento e a chuvia en electricidade

Estas novidosas ventás aproveitan a chuvia e o vento para xerar suficiente enerxía como para alimentar pequenos dispositivos. O segredo son uns nanoxeradores integrados no propio cristal e invisibles a simple vista.

O único indicador de que a ventá está a xerar electricidade é que o cristal se escurece un pouco cun ton azul escuro cando está a funcionar. A superficie da ventá esconde dous tipos de nanoxeradores.

Os primeiros están na capa exterior do cristal e actívanse coa chuvia. Esta capa consiste en diminutas pirámides cunha pequena carga negativa.

A combinación de aire e auga adoita proporcionar unha carga positiva ás gotas de chuvia, así que cando estas impactan contra a superficie do cristal, xeran a corrente eléctrica. A segunda capa de nanoxeradores está dentro do propio cristal, e consiste en dúas láminas que converten a tensión que o vento xera ao empurrar o cristal en corrente eléctrica.

Entre ambos os dous sistemas, o primeiro prototipo destas ventás é capaz de xerar suficiente corrente como para alimentar un smartphone en modo repouso. Os seus creadores no Instituto de Tecnoloxía Xeorxia, en Estados Unidos, traballan agora nunha nova versión que xere máis enerxía e que sexa capaz de almacenala.

Para iso engadirán unha nova capa de supercapacitadores transparente ao cristal. Se teñen éxito, as ventás xeradoras de enerxía poderían ser unha realidade nos edificios dentro duns anos.

(Fonte: Agencias)