Un equipo internacional de científicos descubriu unha nova tecnoloxía “rápida e sinxela” que permite conseguir células nai máis eficientes para a medicina rexenerativa, unha técnica que sería aplicable nas enfermidades nas que se sofre perda ou dexeneración celular. Mediante a introdución dunha molécula (o microRNA 203), o novo protocolo impulsa, tanto nun ser vivo como “in vitro”, o potencial das células nai para que se especialicen en células adultas de distintos tipos, necesarias en numerosas afeccións musculares ou en alteracións do sistema nervioso.
A investigación foi liderada polo Grupo de División Celular y Cáncer do Centro Nacional de Investigaciones Oncológicas (CNIO) dirixido por Marcos Malumbres, e na mesma participaron varios centros españois, australianos e estadounidenses, entre eles o Laboratorio de Expresión Xenética do Salk Institute de Estados Unidos, que dirixe o español Juan Carlos Izpisúa. As conclusións da investigación, que se prolongou durante cinco anos, publicáronse na revista científica The Embo Journal.
A primeira asinante do estudo, a investigadora María Salazar-Roa, sinalou que se trata dunha tecnoloxía “moi sinxela” que se pode replicar en calquera laboratorio e precisou que a reprogramación celular “a células nai inducidas” é xa unha práctica habitual en miles de laboratorios de todo o mundo.
“Pero atopabamos problemas de calidade nesas células, que non chegan a desenvolver o enorme potencial que teñen as células nai embrionarias”, explicou a investigadora, e subliñou que a técnica que descubriron agora axuda a perfeccionar os protocolos que xa existían para mellorar a calidade das células nai que se xeran nos laboratorios. Cun maior potencial, as células nai poden chegar a convertérense en calquera tipo celular “especializado, maduro e funcional”, corroborou Salazar-Roa. “Este é o fin último da medicina rexenerativa, que sería aplicable en enfermidades nas que se sofre perda ou dexeneración celular”.
Os investigadores serían capaces, coa nova técnica, de xerar un estado de “tabula rasa” nas células nai, o que aumentaría a capacidade destas para especializarse en diferentes tipos de células maduras. O CNIO lembrou que unha das principais limitacións na aplicación das terapias celulares é a calidade das células nai que se obteñen nos laboratorios, o cal está a dificultar o seu uso con fins terapéuticos, e destacou que a técnica descuberta por este equipo internacional permite obter células máis eficientes.
Os investigadores localizaron unha molécula (o microRNA 203) que se atopa nos estados embrionarios máis temperáns -antes mesmo da implantación do embrión no útero materno- e comprobaron que ao engadila ás células nai no laboratorio estas eran capaces de mellorar significativamente a súa capacidade para converterse noutros tipos celulares.
A investigadora explicou que as moléculas (o microRNA) que se introducen nas células nai son “comerciais” e adquírense con facilidade nos laboratorios, e insistiu en que se trata dunha técnica moi sinxela que se pode replicar en calquera laboratorio. Subliñou que as terapias avanzadas -baseadas en xenes, células ou tecidos- supoñen unha gran oportunidade para cambiar o curso “e mesmo reverter” moitas enfermidades.
Fonte: La Opinión