Dependencia e diversidade funcional, marketing dixital, nutrición e turismo deportivo na Preincubadora da Tecnópole

A sexta edición da convocatoria Incuvi-Emprende xa ten os seus gañadores. Hoxe desveláronse os proxectos que pasarán o vindeiro ano na Preincubadora da Tecnópole, ademáis de nas instalacións de incubación dos campus de Vigo e Pontevedra.

Doce iniciativas emprendedoras escollidas entre 23 finalistas, das cales catro se desenvolverán na Tecnópole. As novas tecnoloxías e a contorna dixital consolidan ano tras ano a súa presenza entre os proxectos gañadores, ben sexa a través de aplicacións móbiles ou de plataformas de networking ou economía colaborativa. Con todo, esta convocatoria foi a primeira de Incuvi á que se presentaron proxectos de todos os eidos do coñecemento “cun fortísimo aumento da participación de estudantes do noso campus da creatividade, o de Pontevedra”, como explicaba na súa intervención a vicerreitora da Estudantes da Universidade de Vigo, Dolores González. Tamén se incrementou de xeito importante a participación feminina, xa que dos 38 proxectos que se presentaron en total, o 42,5% das persoas impulsoras son mulleres. De feito, entre os gañadores tamén se mantén unha situación case de equidade, con 12 homes e 11 mulleres.

No acto de entrega de diplomas e das chaves que abrirán as que serán as súas oficinas durante os vindeiros doce meses, o reitor da Universidade, Salustiano Mato, agradeceu ás entidades colaboradoras, entre as que se atopa o Parque Tecnolóxico de Galicia, o seu “apoio fundamental e a súa aposta polo talento que xurde da nosa Universidade, que é o maior tesouro que temos”.

Catro novas ideas á busca do éxito

Dependencia e diversidade funcional, marketing dixital, nutrición e turismo deportivo. Os niños da Preincubadora da Tecnópole terán como novos inquilinos a catro novas iniciativas empresariais dispostas a dar o salto das ideas ao mercado empresarial real. Impulsada por Melanie Sol, Nutrición Integral en Tu Empresa é unha das catro ideas gañadoras. “O meu proxecto consiste nun programa de benestar global para as empresas, a través do que se detectan necesidades puntuais dos empregados da organización e se ofrecen solucións estratéxicas para que melloren a súa calidade de vida”, explicou Sol, ex-alumna do Máster en Nutrición, ao que engadiu que, a día de hoxe, o mercado só ofrece alternativas para mellorar a alimentación mediante consultas privadas con nutricionistas, o que supón un importante gasto para o usuario, tanto en diñeiro como en tempo, mentres que cando é a empresa a que promove a harmonía entre traballo e saúde física “increméntanse moito as posibilidades de adherencia e, con iso, prevense factores de risco como obesidade, hipertensión, diabetes…”.

Impulsada neste caso por Eva Robledo, da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo, outra das iniciativas gañadoras é Ridesport, unha plataforma en liña de economía colaborativa que ten como finalidade o turismo deportivo, poñendo en contacto viaxeiros con residentes para que poidan practicar a modalidade deportiva que comparten. “O público obxectivo ao que está dirixida a idea serían todo tipo de turistas e residentes que practiquen un deporte e desexen compartilo con descoñecidos de distinta procedencias”, explicou Robledo.

Estas dúas iniciativas terán como veciños na Preincubadora a Kuatro Marketing Digital, un proxecto de asesoramento e deseño de solucións estratéxicas e operativas de marketing dixital que optimicen a presenza en liña de calquera modelo de negocio, e OuVIr, que se centra en xerar unha acción transformadora para as persoas con diversidade funcional de todo tipo, dende cognitiva a intelectual e persoas en situación de dependencia, ofrecendo asistencia persoal.

Incuvi Avanza para Brigantia e .beLeader

Neste acto déronse a coñecer tamén as dúas iniciativas gañadoras dos premios Incuvi-Avanza, unha convocatoria que trata de consolidar os dous mellores proxectos gañadores da pasada edición de Incuvi-Emprende, que seguirán desenvolvéndose no CITI de Ourense e no Parque Empresarial de Porto do Molle. Nesta ocasión os seleccionados foron Brigantia, que naceu na Preincubadora da Tecnópole, e .beLeader.

Lucía González e Rita Carreira, graduadas en Educación Social, propoñen en Brigantia –que se desenvolveu durante o ano pasado na Preincubadora da Tecnópole– un espazo onde crear e desenvolver programas e actividades que promovan a igualdade e o respecto polo medio ambiente, avivar un ocio e tempo libre saudable fóra do consumismo, e onde promover e fomentar a lingua e a cultura galega. .beLeader é unha solución web orientada ao turismo de baixo custe. Os seus representantes foron os encargados este xoves de dar os primeiros consellos aos impulsores dos doce proxectos, que ocuparán o seu lugar nos espazos de incubación de Incuvi-Emprende.