Dental López Laboratorio inicia unha nova etapa no Parque Tecnolóxico de Galicia

Despois de 8 anos na Valenzá, Dental López Laboratorio inicia unha nova etapa nunhas modernas e amplas instalacións, de preto de 500 metros cadrados, situadas no Parque Tecnolóxico de Galicia (Tecnópole), unha comunidade de talento e coñecemento que constitúe un lugar idóneo para empezar unha nova aventura profesional con retos a nivel nacional e internacional, nos que o seu obxectivo principal continuará sendo a fabricación de próteses dentais cada vez máis naturais e adaptadas a cada paciente.

O novo laboratorio presenta unha serie de melloras que repercutirán directamente no traballo de todo o equipo e, polo tanto, na calidade dos traballos que desenvolven e na atención aos seus clientes.

Un espazo para a formación

Dental López Laboratorio disporá dun espazo propio para a formación de protésicos dentais, odontólogos, cirurxiáns maxilofaciais e auxiliares de odontoloxía; unha área deseñada para compartir e intercambiar experiencias, coñecementos, traballos e proxectos.

Entre as actividades de formación programadas neste espazo para os próximos meses, a primeira será un curso teórico-práctico de fotografía dental que impartirán o doutor Hugo Campos e o protésico Fernando Zozaya os días 27 e 28 de marzo.

Estas dúas xornadas de traballo están dirixidas a profesionais da odontoloxía, pero tamén a todas aquelas persoas que, sen estar relacionadas con este ámbito, teñen entre as súas afeccións a fotografía e queren abrir novos horizontes de coñecemento.  Aquelas persoas interesadas en participar poden consultar toda a información aquí.

Acto de inauguración

As novas instalacións de Dental López Laboratorio serán inauguradas o próximo 21 de marzo a partir das 18.30 horas. O acto estará aberto a todas aquelas persoas que desexen coñecer este laboratorio de próteses dentais á medida. Tanto o seu xerente, o protésico Víctor López, como o resto do seu persoal, un total de 11 entre traballadores e colaboradores directos, ofrecerán aos visitantes visitas guiadas polo laboratorio explicando de forma breve e didáctica en que consiste o seu traballo.