De pagar co rostro a pagar coa voz. Así é a revolución do Payment Innovation Hub

Se 2019 foi o ano do pago por recoñecemento facial, 2020 será o ano do pago por voz no Payment Innovation Hub, unha alianza entre CaixaBank, Global Payments Inc., Samsung, Visa e Arval que cumpre dous anos de vida. Ao longo deste tempo, o hub especializado en medios de pago e solucións para comercio, situado no Pier01 de Barcelona Tech City, desenvolveu 52 propostas que se materializaron en 16 proxectos. 

Face to Pay, un sistema de pago por recoñecemento facial, foi un dos grandes fitos do hub o ano pasado. Trátase dunha ferramenta “moi potente”, que ten posibilidades de “eliminar as friccións” nos pagos, apuntou este martes Silvana Churruca, CEO de Payment Innovation Hub, durante a celebración do segundo aniversario do centro. 

Durante nove meses desenvolvéronse probas piloto no restaurante Rodilla de Barcelona Tech City, en Viena, en Diagonal 405, así como en Nestlé Market, en Esplugues de Llobregat, ambos os dous na cidade catalá. Estes tres proxectos foron probados por 500 usuarios cunha “alta predisposición” a utilizar estes medios de pago, segundo Churruca. “Hai un perfil nativo dixital máis predisposto pero tamén existen outros perfís que mostraron moito interese”, subliñou. 

A simpleza, a comodidade e a posibilidade de aforrar tempo son as razóns que explican esta predisposición, tanto por parte dos clientes, como dos comercios. De feito, segundo un estudo realizado a nivel estatal con máis de 1400 participantes, seis de cada dez usuarios son favorables a utilizar os seus datos biométricos como método de pago. O 50% dos que probaron esta tecnoloxía adoptárono como o seu método frecuente de pago. 

Aínda que o avance desta tecnoloxía en Europa é moito máis discreto e lento debido a unha regulación moito máis conservadora, que a de países como China. “Unha gran parte do sector está esperando a ver que di o regulador e se facilita ou non este tipo de tecnoloxías con outros fins diferentes aos que estabamos habituados”, asegurou a CEO de Payment Innovation Hub. 

Pago por voz 

Como adiantou Churruca, 2020 será o ano dos sistemas de pago por voz. “Continuaremos lanzando pilotos”, asegurou. Para Manuel Orejas, director de mercadotecnia e business development da compañía de renting Arval, grazas a esta tecnoloxía será posible utilizar o propio coche “como unha ferramenta de pago”. 

O uso de determinada biometría depende do ámbito. “Exploramos diferentes biometrías, vimos que a cara era o que mellor funcionaba en ámbitos abertos, a voz non era a mellor opción”, explica Churruca. Aínda que tamén depende das necesidades de cada usuario. “O pago por voz é unha tecnoloxía que pode achegar resultados moi bos para determinados casos de uso e para determinados tipos de perfís”, especificou. 

No caso dos condutores, este método pode axudar a que non se distraian. Tamén é útil no caso de perfís non tan dixitais, que se senten máis cómodos falando cunha máquina que interactuando cunha serie de pantallas. Ou para persoas con determinadas discapacidades. Non obstante, en determinados ámbitos públicos, a voz non resulta o medio ideal porque non xera a mesma confianza que a privacidade dunha pantalla. 

Fonte: Innovaspain