De edificios voadores a empregados mecánicos: os inventos que imaxinaron hai 100 anos que teriamos hoxe

A Biblioteca Nacional recompila nun fío de Twitter distintas publicacións de principios do século XX, nas que os seus autores soñaron cos inventos do futuro.

¿Dende cando acompañan a nosa vida cotiá certos inventos? Aínda que resulta difícil imaxinarse o día a día sen moitos deles, máis difícil aínda é aventurarse a imaxinar cales serán os que nos acompañarán dentro de cen anos. A Biblioteca Nacional, nunha nova mirada ao pasado, recompila nun fío de Twitter distintas publicacións de principios do século XX, nas que os seus autores soñaron cos inventos dun futuro incerto.

Se algo trouxo de cabeza a moitos inventores dende o principio é o desexo de voar, tema que ocupa moitas destas publicacións. En 1909, publicábase na revista “Alrededor del Mundo” un artigo dedicado ao “tranvía voador” e xa detallaban como funcionaría: “un carril único e elevado do que colgan os coches por troles o bastante fortes para soster o seu peso e o dos pasaxeiros” sumado a “un sistema de propulsores como os dos aeroplanos”. Un mecanismo que, detallaban, “non pode ser máis sinxelo”.

Tamén había espazo para os “aeroplanos con automóbiles sobrepostos” (1910), “avións capaces de elevarse e descender verticalmente” (1908) e mesmo “edificios voadores” (1909).

De feito, pensábase que para o ano 2000 o espazo aéreo ía estar tan colapsado que apenas habería tráfico por vía terrestre. “Case todo o mundo viaxará polos aires”, dicía unha publicación de 1910 que falaba do ferrocarril futuro: o monocarril eléctrico.

Os robots eran outra das grandes inquietudes dos científicos e a eles dedicaron diversos artigos. No ano 1906 xa se pensaba mesmo no robot de cociña que coñecemos hoxe, aínda que con outro deseño moi distinto. “A cociñeira do porvir no ano 2000”, asinaba este artigo publicado en Caras y Caretas. Anos despois, no 1930, falábase dos autómatas: “uns admirables homes mecánicos de tamaño natural que obedecen marabillosamente a canto polo seu complicado mecanismo se lles ordena: andan, falan, cantan, limpan, alcanzan os obxectos; ata bican”.

Así mesmo, esperaban grandes avances para o mundo da gandería e a agricultura. No ano 1908, o doutor Albert Calmette experimentaba co esterco producido nas granxas para obter del “gas para a iluminación”. E un ano antes, en 1907, aparecía o concepto “da electrocultura”, que pensaba na electricidade como fonte principal de cultivo das árbores froiteiras.

Outro campo para o que se aventuraba un gran desenvolvemento no século XXI é o da comunicación. Xa no ano 1904 imaxináronse as videochamadas grazas ao “fotófono”, un invento que consistiría no clásico teléfono fixo cunha pantalla incorporada que nos permitiría ver a outra persoa. E para os xordos idearon o “acusticón” en 1907, un teléfono que se comercializou 20 anos despois, que constaría de receptores especiais que farían que as persoas puidesen “decatarse perfectamente do sermón ou os cantos”.

Pensouse mesmo nun prototipo mellorado da radio, con moitos máis extras, no 1935. O aparato contaría con pantalla de televisión, telefotografía, teleautografía e receptor de xornal entre outros engadidos.

“Estas opinións parecen algo fantásticas; pero, ¿que dirían os nosos avós se ao principio do século XIX un sabio lles asegurase que os homes descubrirían o medio de viaxar en vehículos sen tracción de sangue, de escribirse e falarse coa rapidez do raio (…) e de ver a través dos corpos opacos?”, asinaba nunha destas publicacións o autor Julio Broutá, “o horizonte da ciencia é inconmensurable, e a utopía de onte é a realidade de mañá”.

(Fonte: eldiario.es)