O hub de innovación dixital DATAlife foi presentado pola súa directiva aos axentes innovadores e aos protagonistas dos sectores produtivos aos que vai dirixido: biotecnoloxía, mar- industria, agroalimentación, forestal e saúde. A súa presidenta e tamén presidenta de Bioga, Carme Pampín, agradeceu o respaldo da Administración autonómica para pór en marcha o proxecto e puxo en valor o compromiso dos socios do hub.
“O novo proxecto apóiase no liderado sectorial, a través de sectores clave en Galicia; no liderado tecnolóxico, conformado polos centros de competencia galegos; e no liderado empresarial, representado por empresas tractoras de Galicia”, sinalou Carme Pampín, quen indicou que traballará para sumar e para incorporar novos socios ao proxecto. Explicou que agora DATAlife traballa no deseño da súa carteira de servizos, que estará a disposición do tecido empresarial de Galicia a partir de outono. Ofrecerá solucións a medida. “Apostamos por un modelo colaborativo aberto e participativo onde as empresas serán protagonistas”, asegurou a presidenta.
A súa misión será “facilitar a incorporación da intelixencia artificial e a analítica de datos nas pemes galegas dos sectores ligados á bioeconomía e a saúde”. Así o apuntou Lucía Castro, xerente do hub. O proxecto, con sede no Edificio Emprendia en Santiago de Compostela, diríxese a tres focos estratéxicos: biorrecursos, sustentabilidade e saúde. E conectará o sistema de innovación, que ofrecerá servizos de intelixencia artificial, internet das cousas, big data, ciberseguridade e computación de altas prestacións, con pemes vinculadas a cinco sectores produtivos (biotecnoloxía, mar-industria, agroalimentación, forestal e saúde).
DATAlife nace para axudar a medrar en competitividade a 3.700 empresas que traballan en cadeas de valor que representan o 19,4% do Valor Engadido Bruto (VAB) da comunidade autónoma de Galicia e que xeran ao redor dos 70.000 empregos. Bioga lidera o proxecto. Son tamén socios fundadores Anfaco-Cecopesca, Centro de Supercomputación de Galicia-CESGA, Clúster Saúde de Galicia (CSG), Finsa, Centro Tecnolóxico de Comunicacións-Gradiant, Universidade de Santiago de Compostela (USC), Televés, Clúster TIC Galicia, Clúster da Acuicultura de Galicia e Grupo Zendal. En 2020 incorporáeonse Centro Tecnolóxico Energylab e Fundación Feuga.
Hub de Innovación Dixital
Os hubs de innovación dixital (DIH) son un instrumento desenvolto e impulsado pola Comisión Europea para mellorar a competitividade das empresas europeas a través da aplicación de tecnoloxías dixitais disruptivas. O funcionamento de DATAlife estará determinado pola demanda de empresas. Esta nova ferramenta, impulsada pola Administración Autonómica a través do Igape e da Axencia Galega de Innovación (Gain), deberá autoxestionarse de forma independente e avanzar cara á súa sustentabilidade económica.
A directora da área de Programas de GAIN, Luisa Boquete, falou de DATAlife como “un paso máis na especialización intelixente” e explicou que se trata dunha “”aposta da Administración autonómica. “É unha solución tecnoloxicamente idónea para resolver un reto innovador da empresa usuaria, conseguida a través do acompañamento experto integral máis eficiente e orientado ao mercado”. Ao seu xuízo, neste proxecto “todos gañan”. E citou a clústers, pemes, centros tecnolóxicos, universidades, grandes empresas, investidores, aceleradoras, centros de competencia, empresas tecnolóxicas e startups.
Fonte: Economía en Galicia