Cyclowood, a bicicleta de madeira adaptada á tradición familiar ourensá

Hoxe en día existen máis de 10.000 produtos de uso cotián que proveñen da madeira, pero coa chegada da recesión económica, moitas empresas madeireiras víronse abocadas ao peche preventivo ou permanente. Non é o caso de Cyclowood, un negocio ourensán de tradición familiar, que non só se adaptou ás vicisitudes económicas, senón que ademais conseguiu facer rendible as súas innovacións.

Neste contexto, e tras varios anos de investigación, comezaron a crear bicicletas de madeira de alta calidade, cuxo material procede do freixo, da nogueira ou do cedro autóctonos. Trátase dun material apropiado para este tipo de transporte, posto que a madeira absorbe moi ben as vibracións e impactos dunha estrada en mal estado e ofrece aos artesáns unhas posibilidades creativas que non lles dá o aluminio ou o carbono.

Por outro lado, a madeira ten unha resistencia á fatiga maior que o aceiro, ofrece mellor amortecemento que o carbono, “é doado de restaurar, resiste todo tipo de condicións meteorolóxicas e dános a posibilidade de crear bicicletas únicas de forma ecolóxica”, declarou Gerardo Fernández, un dos actuais donos da compañía.

O proceso da madeira comeza cunha ultravarorización que asegura que as pezas non sufran tensións cando se traballa con elas e un secado mediante corrente eléctrica de alta frecuencia. Posteriormente procésanse os elementos e despois ensámblanse de xeito artesanal. Cando xa se ten o cadro, líxase e aplícanse varias capas de lacas que aseguran unha superficie resistente e esteticamente correcta.

A súa dispoñibilidade, versatilidade e facilidade de traballo fixeron deste material un dos recursos técnicos preferidos para o ser humano. Por iso, Cyclowood ofrece innovadores modelos de estrada, cidade e montaña, así como outro chamado “Romántica” (clásica). Cada unidade leva gravado un número de identificación que facilitará a comunicación entre a empresa e os clientes, e teñen unha garantía de 4 anos para defectos de fabricación ou rematado.

Xa foi probada a súa eficacia, posto que o ciclista Clinton Sumner a montou durante 84 horas seguidas dende Alicante ata a mítica cume do Tourmalet, en Francia. Ademais, tamén foi presentado na última etapa da “Volta 2012”, onde os maiores entendidos do ciclismo quedaron gratamente sorprendidos co modelo. Unha das poucas pegas é o seu prezo, que oscila entre os 3000 e os 10.000 euros.

(Fonte: Innovaspain)