A presentación que tivo lugar hai algo máis de dúas semanas en San Francisco podería pasar á historia por dar un gran paso na creación de cyborgs, a simbiose entre intelixencia humana e artificial (IA). Aínda que tamén podería quedar nunha mera nota a pé de páxina na carreira de Elon Musk, un showman das tecnoloxías e un emprendedor extraordinario. Musk deu a coñecer os primeiros detalles dun implante electrónico para o cerebro creado por Neuralink, a empresa que fundou en 2016 para facilitar a comunicación directa entre persoas e máquinas.
As súas primeiras aplicacións centraranse na medicina para axudar a pacientes con serios danos cerebrais e do sistema nervioso. Musk tamén anunciou máis plans futuristas que darán aos humanos a opción de “fusionar a intelixencia artificial” co intercambio de pensamentos, aumentando a capacidade mental de persoas saudables.
Con Neuralink, na que Musk investiu máis de 100 millóns de dólares, o fundador de Tesla súmase ao campo da neurotecnoloxía, no que centos de compañías e laboratorios académicos desenvolven distintos tipos de interfaces para fins médicos e recreativos. Non obstante, a de Musk é a única empresa que alardea da simbiose coa IA como obxectivo de negocio.
Os investigadores de Neuralink publicaron un estudo científico con detalles sobre o seu prototipo. Damien Coyle, profesor de neurotecnoloxía da Universidade do Ulster en Reino Unido, cre que “o que están a facer é impresionante. É totalmente distinto ao que se fixo ata agora, aínda que está nunha fase inicial”, engade. O estudo describe os tests da interface de Neuralink implantada ao cerebro das ratas. Na presentación de San Francisco tamén se falou das probas que se levaron a cabo con monos.
A compañía espera obter o permiso da Administración de Alimentos e Medicamentos de EEUU (FDA) para empezar os ensaios en pacientes con dano cerebral o ano que vén. A neurotecnoloxía cobre unha ampla gama de técnicas. Calcular o tamaño do mercado é difícil, aínda que, segundo Research & Markets, a facturación mundial o ano pasado ascendeu a 8400 millóns de dólares e crecerá ata 13.300 millóns en 2022.
(Fonte: Expansión)