O Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela (IDIS) creou unha ferramenta que facilita a investigadores e unidades hospitalarias que producen secuencias do coronavirus de pacientes con Covid poder aliñalas co xenoma de referencia do SARS-CoV-2. A plataforma de análise CovidPhy, creada polos investigadores Antonio Salas e Federico Martinón, tamén permite coñecer os xenomas que máis impacto tiveron en brotes froito de grandes eventos de supercontaxio.
Os detalles desta nova plataforma foron publicados na revista “Environmental Research”, onde os seus creadores explican que esta ferramenta bioinformática clasifica “automaticamente” as secuencias nas variantes do virus coñecidas, incluída a tan popular clasificación de variantes alpha, beta, gamma ou delta.
“É unha ferramenta que xorde do esforzo que desde os inicios da pandemia levamos realizando no noso grupo de investigación para contribuír a entender a variabilidade e a dinámica do virus en todo o mundo, e de maneira máis específica, a nivel estatal”, sinala Antonio Salas. CovidPhy permite, ademais, explorar a distribución xeoespacial de variantes do virus no mundo, así como coñecer cales son os xenomas que máis impacto tiveron nos brotes que foron xurdindo, froito de “grandes eventos de supercontaxio”.
Salas indica que “desde moi ao principio da pandemia decatámonos de que o verdadeiro catalizador eran os eventos de supercontaxio e hoxe xa existe unha evidencia ben consolidada na literatura científica. A novidade é que CovidPhy recolle os eventos máis importantes e achega información sobre as súas características”. Pola súa parte, Federico Martinón, subliña que CovidPhy representa “unha nova cara visible” dos seus “esforzos” por contribuír a entender mellor esta pandemia.
Fonte: El Correo Gallego