Poñen en marcha unha proba piloto dun sistema de sensores de gases que se basea en intelixencia artificial para monitorizar persoas maiores que viven soas
A información recollida polos sensores procésase con algoritmos desenvolvidos polo Centre de recerca en Enginyeria Biomèdica da UPC (CREB) e a intelixencia artificial aplicada pola empresa Sensing&Control.
Os sensores teñen como funcións principais alertar dos perigos e extraer un patrón de comportamento da persoa, o que, grazas á intelixencia artificial, permite identificar se unha persoa maior se afasta significativamente da súa rutina, “o que constitúe un sinal de alarma do seu comportamento”, segundo o conselleiro delegado de Sensing&Control, Narcís Avellana.
O sistema está formado por dous ou tres dispositivos que se instalan no comedor, o cuarto e a cociña da vivenda e os sensores que levan incorporados poden detectar diversos tipos de gases, como o dióxido de carbono ou hidrocarburos, entre outros.
Isto permite saber se a persoa está presente ou non nun espazo, se deixou o gas acendido, se hai mala ventilación ou comida podrecida no piso.
Para o investigador do CREB, Jordi Fonollosa, os sistemas de monitorización convencionais, como as videocámaras ou os sensores de movemento a miúdo son “bastante intrusivos e crean receo, comprometen a privacidade e teñen limitacións como os ángulos mortos”.
(Fonte: ABC)