Cambiar a forma de viaxar, convertendo calquera persoa nun “posible vendedor de experiencias” a través de “pasaportes dixitais” que levaremos nunha aplicación do móbil. Con esa idea naceu o proxecto Passporter.
De momento, e tras unha segunda rolda de captación de investimentos, onde un grupo madrileño achegou 250.000 euros, “os emprendedores enfróntanse ao momento do lanzamento ao mercado, dirixido a España e Estados Unidos.
O proxecto naceu hai pouco máis dun ano da man de Diego Rodríguez e Andrea Cayon, os que fundaron Passporter, “unha aplicación móbil baseada nun pasaporte no que viaxeiros de todo o mundo almacenan as súas viaxes, con fotos e vídeos, que serven de inspiración e de ferramenta para planificar próximas viaxes”.
A idea de Passporter nace pola paixón polas viaxes dos seus creadores. Ambos os dous percorreron o mundo creando contido para marcas turísticas. E é nunha desas viaxes cando dan coa idea de negocio e o concepto de marca.
Marca por e para viaxeiros
Deste modo, Passporter preséntase como “unha marca fundada por viaxeiros para viaxeiros. Unha ventá ao mundo a través dos nosos dispositivos móbiles e de experiencias reais por xente real de todas as nacionalidades posibles. Unha nova forma de viaxar a través de contido de usuarios de todo o mundo”.
Así, a comunidade de Passporter formada por “usuarios” e “embaixadores” nútrese de contido internacional, con “recordos e experiencias”. Por exemplo, Passporter conta con embaixadores como Lexie Alford, unha rapaza californiana de 19 anos, posuidora do record Guiness como a muller máis nova en estar nos 196 países do mundo. Ela almacena as súas fotos e vídeos no pasaporte dixital, “inspirando ao resto de viaxeiros que pronto visitarán todos eses destinos”.
Cambiar a forma de viaxar
“O obxectivo é cambiar a forma de viaxar, convertendo calquera persoa nun posible vendedor de experiencias” a través destes pasaportes dixitais. Deste modo, os usuarios da app poden crear un pasaporte (con recordos de viaxes, fotos e vídeos); subscribirse ás actualizacións dos mellores viaxeiros no mundo para inspirarse co seu contido; subscribirse aos destinos que prefiran; ou ben conseguir os lugares exactos onde se tomaron as fotos para visitalos”, o que pode incluír aloxamentos, establecementos, etc.
A empresa prevé levar a cabo o lanzamento mundial en setembro, aínda que o produto xa está dispoñible nas tendas dixitais de Apple e Google.
(Fonte: Hosteltur)