Enmarcado no proxecto europeo “Shine”, financiado polo 7º Programa Marco, este material autosandable pode converterse no futuro das infraestruturas asfálticas, xa que aumentará a vida útil das estradas, diminuíndo os custos de mantemento e das obras de rehabilitación, mellorando a seguridade viaria e reducindo a cantidade de emisións contaminantes.
A investigación, que reúne a unha ducia de empresas, universidades e centros tecnolóxicos de diversas especialidades procedentes de seis países europeos, permitiu crear un poliuretano -selador de alto rendemento- no que se introduciron enlaces químicos reversibles, que, tras sufrir un dano ou fractura, en dúas horas logra autoadaptarse e recuperar o 80% das súas propiedades iniciais e practicamente o 100% delas pasado un día.
Neste contexto, a participación de Acciona no proxecto Shine centrarase na aplicación destas substancias autorreparables ás mesturas asfálticas empregadas nas estradas, aínda que tamén poderá empregarse en xuntas dinámicas, amortecedores e sistemas antivibracións utilizados en maquinaria, vehículos, pontes ou vías férreas.
Proxecto Europeo Healcon
Así mesmo, a multinacional española tamén se involucrou no proxecto europeo “Healcon”, encargado do desenvolvemento de formigóns autorreparables para edificacións capaces de selar autonomamente as pequenas fisuras que se producen nos materiais, e que, co paso do tempo, o uso continuado, os impactos ou condicións ambientais, poderían desembocar en danos maiores.
Esta iniciativa está a avanzar en torno a tres vías de investigación: por unha parte, estase a probar con bos resultados o uso de cápsulas que desprenden un líquido selante ao producirse microfisuras no formigón; e por outra, estase avanzado no uso de polímeros que poden axudar a selar as gretas ou estimular a súa reparación se se incorporan ao formigón autorreparable. Por último, tamén se está a investigar o uso de bacterias encapsuladas no formigón para producir carbonato de calcio, un composto capaz de encher as posibles gretas que se puidesen producir.
Nesta liña, o obxectivo dos integrantes de ambos os dous proxectos de investigación, Shine e Healcon, tras obter resultados moi positivos en laboratorio, é o desenvolvemento a medio prazo de materiais comercializables e competitivos para aplicacións en infraestruturas e edificacións a escala industrial.
(Fonte: Agencias)