Crean un novidoso envase biodegradable para produtos graxos

Investigadores vascos desenvolven novos envases biodegradables dunha soa capa para produtos graxos, sexan líquidos ou sólidos, a partir de subprodutos agroindustriais.

Os envases tradicionais de plástico protexen ao produto, son baratos e duradeiros. Non obstante, a súa durabilidade é un serio problema para o medio ambiente, polo que os científicos traballan no desenvolvemento de materiais sustentables que cumpran coas tendencias observadas en fabricantes e consumidores.

Unha das estratexias ambientais polas que se está a apostar é o uso de materiais obtidos a partir de materias primas procedentes de fontes renovables que, unha vez finalizado o seu ciclo de vida, teñan a capacidade de biodegradarse. Neste marco, o grupo BIOMAT da Universidade do País Vasco desenvolveu un novo envase biodegradable para produtos graxos, tanto líquidos como sólidos, a partir de subprodutos agroindustriais, contribuíndo así ao consumo sustentable de materias primas e á valorización de subprodutos.

O envase é transparente e, ao mesmo tempo, unha excelente barreira á luz ultravioleta e a gases como o osíxeno. Habitualmente utilízanse laminado multicapa como barreira a gases, non obstante, o produto desenvolvido polo grupo BIOMAT é monocapa, o que reduce considerablemente o seu custo. Ademais, pode selarse termicamente e é imprimible.

Este novo envase, que actúa de barreira entre o alimento e o exterior, pasa de ser mero colector (envases pasivos) a desempeñar un papel activo no mantemento e mesmo na mellora da calidade do alimento. Este envase activo ten como función principal prolongar a vida útil do alimento envasado a través do control dos fenómenos de permeación, ben mediante o emprego de materiais barreira ou ben mediante a retención de substancias nocivas e a incorporación de substancias beneficiosas para o alimento envasado.

Máis materiais de fontes renovables

Os materiais procedentes de fontes renovables representan un 1% da produción mundial, segundo datos de European Bioplastics, pero a curto prazo espera un aumento deste segmento de mercado, que chegaría a cuadriplicarse en 2017. Concretamente, en 2013 a produción mundial de bioplásticos foi de 1,6 millóns de toneladas e espera que alcance os 6,2 millóns de toneladas en 2017, segundo o Institute for Bioplastics and Biocomposites.

(Fonte: SINC)