Crean un innovador panel solar que xera entre un 30% e un 40% máis de enerxía

O Instituto Tecnolóxico do Plástico (Aimplas) colaborou coa empresa Solarays no deseño dun innovador sistema de xeración de enerxía eléctrica a partir de placas solares. Trátase duns paneis dotados dun novo sistema de tracking ou seguimento da posición solar, de maneira que se conseguen altos niveis de concentración dos raios solares e un aumento da eficiencia das instalacións.

Este novo desenvolvemento, que resultou finalista na Gran Final Europea da Clean Launchpad, consegue aumentar entre un 30% e un 40% a produción de enerxía e reducir á metade a factura enerxética. Ademais, non necesita materiais adicionais para a súa instalación e pódense producir en cadea.

Tal e como explica Jaime Caselles, responsable de Solarays, estas importantes reducións de custos débense a varios factores: “En primeiro lugar, redúcense considerablemente os gastos de instalación in situ dos paneis, xa que non se necesitan nin raíles, nin estruturas de soportes para fixalos nos teitos. Isto reduce o gasto en materiais, man de obra e tarefas de deseño para buscar inclinacións que optimicen a captación da enerxía solar. Ademais, por ser un sistema de concentración da irradiación solar, necesítanse cen veces menos superficie de célula do semiconductor (un dos principais factores de custo nos paneis solares convencionais) mentres que a concentración produce fisicamente un incremento da eficiencia do semiconductor do 18% ao 24%”, asegura Caselles.

Máxima produción

Grazas á súa capacidade de seguimento da posición solar, e a diferenza dos paneis fixos que só producen un pico de potencia ao mediodía, os novos paneis deseñados por Solarays e Aimplas sempre están ao máximo de potencia. “Isto induce unha estabilidade na xeración e evita problemas cos excesos e o almacenamento de enerxía”, explica o responsable da empresa. “Ademais, ao tratarse dun sistema hibrido eléctrico/térmico incrementa a eficiencia do conxunto do panel até o 70%”.

Actualmente, a empresa está na fase de certificación, e para iso estase desenvolvendo unha planta piloto de 5 kwp. En canto ao negocio, o obxectivo é alcanzar unha facturación de 100 millóns de euros en catro anos con beneficios do 20% e investimentos en I+D do 10%.

(Fonte: Aimplas)