Crean un innovador panel solar que produce enerxía do sol e da chuvia

A enerxía solar, que é probablemente a mellor alternativa para que comecemos a substituír os combustibles fósiles que nos danan a nós e ao noso planeta, está felizmente nunha etapa de expansión.

Hai países que están a crear enormes plantas solares, novos deseños que fan a captación máis eficiente. Non obstante, mentres hai países que contan con longas épocas de bo clima e grandes extensións desérticas; para outras rexións a chuvia e as poucas horas de sol son moeda corrente todo o ano, ou rexións como o Sueste asiático, que contan con épocas enteiras de chuvia constante. Para estas últimas, o aproveitamento da enerxía solar é todo un desafío.

A boa noticia é que, pensando nese inconveniente, científicos e deseñadores chineses idearon os solar-pluviale, uns paneis de enerxía solar que tamén poden producir enerxía a partir da chuvia.

Estes novos paneis son instalacións idénticas ás fotovoltaicas actuais, capaces de transformar a luz solar nun fluxo constante de electricidade, pero que no seu recubrimento contan cunha capa de grafeno, unha substancia formada por carbono que pode absorber enerxía das gotas de chuvia.

¿Como funcionan?

O grafeno, que compón as células destes paneis, é un material fino, flexible e máis resistente que o aceiro, económico para producir e cunha gran condutividade. Pero, sobre todas as cousas, ten a marabillosa propiedade de nutrirse de enerxía mediante as precipitacións.

Isto explícase porque as gotas de chuvia non están formadas unicamente de auga, senón que na súa composición hai sales, que se disocian en ións positivos e negativos. O sodio, o calcio e o amonio están cargados positivamente e integran estas gotas que proceden da chuvia. Estes ións reaccionan en contacto co grafeno para conformar o que os especialistas en electrónica de potencia fan chamar un “súpercapacitor”.

Esta diferenza de enerxía potencial entre a capa de grafeno e a de auga é capaz de xerar unha corrente eléctrica forte mediante o intercambio de electróns.

(Fonte: Diario Ecología)