A enxeñería biscaíña Inkoa, especializada no deseño de solucións para o sector alimentario, traballa nun proxecto que ten como obxectivo o deseño dun dispositivo sen fíos baseado na tecnoloxía Energy Harvestin para controlar a temperatura á que están sometidos os alimentos.
O dispositivo permitirá coñecer se as temperaturas que alcanzan os lotes de alimentos durante o seu transporte son as axeitadas e alertar os técnicos que os manipulan da posibilidade de ruptura da cadea de frío para que actúen en consecuencia.
A tecnoloxía permitirá transmitir datos a través dunha tarxeta SIM que poida conectar con diferentes operadores internacionais de telefonía e aproveitará a propia vibración que se produce no transporte dos alimentos para convertela en enerxía que recargue a batería do dispositivo.
Este dispositivo é especialmente útil para controlar o estado dos alimentos en procesos de desembarque e traslado de carga nos aeroportos, onde ás veces se producen atrasos e períodos de espera prolongados.
Unha das claves deste deseño radica no custo “alcanzable e competitivo” que terá o desenvolvemento, segundo o responsable técnico do proxecto en Inkoa, Oscar Rey.
A iniciativa, que arrancou en setembro de 2014, prolongarase ata decembro de 2016 e conta con apoio do programa de axudas ao desenvolvemento de novos produtos e empresas científicas e tecnolóxicas GAITEK, promovido polo Departamento de Desenvolvemento Económico e Competitividade do Goberno Vasco.
Na fase do proxecto correspondente a 2014, o programa GAITEK, que busca mellorar a competitividade das empresas mediante o incentivo á investigación e a innovación, achegou un financiamento superior aos 35.500 euros, que corresponden aproximadamente a un 35% do presuposto dese primeiro período.
(Fonte: Innovaeuskadi)