Crean un formigón que é capaz de repararse a si mesmo

Un investigador holandés desenvolveu un “bioconcreto”, é dicir, un formigón con agregados de bacterias, que é capaz de “repararse” a si mesmo en caso de fracturas e gretas. O produto, segundo palabras do mesmo creador, podería comezar a comercializarse “en poucos anos”.

Tan particular material de construción estaría formado por formigón ao cal se lle suman diversos bacilos (bacterias cilíndricas, de forma alongada) encapsulados en lactato de calcio. Ante a presenza de humidade, os microorganismos alimentaríanse das súas cápsulas de lactato, producindo pedra calcaria coa que se enchería a fractura. As bacterias deste tipo poden vivir en estado de latencia miles de anos se se mantén o medio alcalino do formigón, “espertando” se a humidade se filtrase a través dunha greta.

O creador do “bioconcreto” é Henks Jonkers, quen se desempeña como investigador e profesor da Universidade de Delft, en Holanda. As súas investigacións conduciron ao que o mesmo define como “combinar a natureza con materiais de construción”.  “a natureza provenos moita funcionalidade de xeito gratuíto”-continúa- “neste caso, bacterias produtoras de calcaria”.

Este material sería capaz de “rexenerar” as gretas que, tarde ou cedo” aparecen no formigón pola acción solar, humidade, diferenzas de temperatura, etcétera. Estas gretas pequenas son as que, co tempo, causan danos importantes na estrutura de calquera edificación, dende simples desprendementos ata derrubas.

O uso destas bacterias non está limitado ás novas construcións. É posible inserir os microorganismos dispersándoos directamente sobre as gretas de formigón antigo. As bacterias comezarán inmediatamente a produción de pedra calcaria para taponar a greta.
Por este invento, o profesor Henks Jonkers recibiu un premio na cerimonia “European Inventor Award”, na categoría investigación e desenvolvemento. Estes premios son os “Oscars” dos inventores no Vello Continente.

(Fonte: Innovaticias)