Crean un drone capaz de transportar unha persoa

A empresa chinesa EHang, con sede en Beijing, desenvolveu un drone capaz de transportar unha persoa polos ceos en viaxes curtas e de mediana distancia, controlado totalmente a través dunha plataforma sincronizada de xeito remoto. A firma chinesa pretende ser a primeira construtora do mundo de vehículos autónomos aéreos para o transporte de persoas. O dispositivo ten 1.2 metros de alto, un peso de 200 quilogramos e conta con oito hélices capaces de transportar un pasaxeiro durante máis de 23 minutos a uns 96 quilómetros por hora.

O vehículo é totalmente eléctrico. Non hai opción para tomar o control do “taxi drone”. No interior do EHang 184 hai un cómodo asento con todos os estándares de seguridade e unha pantalla táctil duns 30 centímetros fronte a este que lle permite ao usuario seleccionar o destino nun mapa, modificar o aire acondicionado da cabina e outras comodidades.

O primeiro prototipo do vehículo foi presentado no Consumer Electronics Show de Las Vegas, e os seus desenvolvedores declararon que esperan a aprobación para que o drone poida venderse a fin deste ano e teña a correspondente autorización para transportar persoas. Os expertos teñen dúbidas sobre a aceptación que terá o vehículo a nivel masivo, aínda que os oficiais do Nevada Institute for Autonomous Systems xa deron o permiso para que se realicen as probas de seguridade e ofreceron a súa axuda á compañía EHang para presentar, posteriormente, os resultados á Administración Federal de Aviación e solicitar a autorización legal para voo.

(Fonte: Ideas e Inventos)