Esta é a valoración que fai da investigación o enxeñeiro biomédico da Universidade de Harvard Ali Khademhosseini, que actuou de observador externo, posto que non participou no desenvolvemento da nova bioimpresora.
A investigación foi publicada por Nature Biotechnology. Esta impresora 3D crea os implantes mediante capas formadas por patróns de xeles que conteñen células e materiais biodegradables similares ao plástico. O proceso foi coidadosamente deseñado para que todas as células permanezan vivas ata a cirurxía.
A continuación, a impresora engade unha capa exterior de polímero temporal que axuda a que toda a estrutura se sosteña durante a implantación. Unha vez implantado nun organismo, os materiais de plástico degrádanse lentamente. Ao mesmo tempo, as células secretan unha matriz de soporte que axuda a manter a forma do implante. Ao final do proceso, as células reorganizáronse de xeito autosuficiente.
Para probar os implantes, os científicos inseríronas baixo a pel de ratos e ratas. Dous meses máis tarde, as orellas implantadas mantiñan a súa forma e formárase tecido cartilaxinoso. En canto ao músculo, os investigadores atoparon que dúas semanas despois da cirurxía, o implante provocara a formación dos nervios en ratas. Finalmente, os implantes óseos, que se imprimiron utilizando células nai humanas e implantáronse en ratas, activaron a formación dun sistema de vasos sanguíneos que era observable despois de cinco meses.
Non son as primeiras probas que se fan desta tecnoloxía, pero ata agora non se alcanzara un grao de fidelidade tan grande cos tecidos humanos. Nin se construíran estes bioimplantes mediante impresión 3D a tran grande escala.
Os investigadores e a comunidade científica móstranse moi esperanzados con estas novas probas, especialmente coas cartilaxes. “A cartilaxe ten moitas oportunidades de éxito”, opinou o enxeñeiro biomédico da Universidade Carnegie Mellon, Adam Feinberg, quen avanza que esta biotecnoloxía para crear implantes terá beneficios “non só cosméticos, senón tamén funcionais”.
(Fonte: EP)