Crean o primeiro laboratorio 5G de España

Telefónica e IMDEA Networks anunciaron a creación do primeiro laboratorio de excelencia 5G de España. O centro, denominado 5TONIC, nace co obxectivo de crear un ecosistema aberto de innovación e investigación onde a industria e o mundo académico traballen xuntos para impulsar o desenvolvemento das tecnoloxías 5G e do seu ámbito de emprendemento.

O laboratorio estará situado na sede de IMDEA Networks e contará con diversas localizacións situadas a unha distancia axeitada que permitan poñer a proba as diferentes tecnoloxías obxecto de estudo. O centro abrirá as súas portas o próximo mes de novembro, e o seu labor estenderase polo menos ata que se desenvolvan comercialmente os primeiros produtos con tecnoloxía 5G, o que se estima suceda ao redor de 2020.

Trátase do primeiro centro de excelencia deste tipo en España, orientado á investigación e a innovación, así como á realización de probas de campo e demostracións de todas as tecnoloxías e equipos que constituirán as comunicacións 5G, incluíndo os seus servizos e aplicacións. Ademais, é o primeiro laboratorio que propiciará o ámbito axeitado para que Telefónica e outras compañías interesadas (de feito Ericsson xa se adheriu a esta iniciativa) poidan levar a cabo probas de viabilidade dunha determinada tecnoloxía, determinar custos ocultos de despregamento e analizar todos os aspectos tecnolóxicos e a complexidade das diferentes solucións.

Aínda que as redes 5G están aínda en fase inicial de desenvolvemento, o consenso de expertos do sector estima que a próxima xeración móbil mellore considerablemente a latencia, transporte un volume de datos 1000 veces superior ao actual, permita incrementar entre 10 a 100 veces o número de dispositivos conectados simultaneamente e incremente en 10 veces a vida da batería, entre outros.  Casos de uso futuro como o control remoto dos robots ou a interconexión dos sensores, sumados ás esixencias dos clientes móbiles do futuro, esixirán conexións superrápidas e de altísima calidade con niveis de latencia practicamente nulos.

Enrique Blanco, Global TCO de Telefónica, afirmou que “a apertura deste centro é un paso adiante para Telefónica que vén participando activamente nun amplo abano de proxectos internacionais, asociacións industriais e organismos de estandarización das tecnoloxías 5G.  O centro de excelencia 5G de Madrid permitiranos probar, elixir e priorizar as funcionalidades das redes e os servizos candidatos a formar parte do futuro das redes 5G, de forma que o sistema resultante sexa consistente e coherente. Non queremos que a posta en marcha das redes 5G sexa un acontecemento puntual, senón un proceso que queremos poñer en marcha dende agora”.

(Fonte: Innovaspain)