Crean as primeiras tintas intelixentes para produtos de alimentación

O centro tecnolóxico CEIT-IK4 está a desenvolver as primeiras tintas intelixentes para o envasado e etiquetaxe dos produtos de alimentación. Uns microsensores cuxo fin é dar a coñecer ao consumidor o estado e a calidade do produto en todas as súas fases, dende o proceso de envase ata o seu consumo final. O proxecto ETIVOL, onde se enmarca esta liña de investigación, ten, entre outras cousas, o obxectivo de detectar compostos volátiles no aceite de oliva.

Financiado polo Ministerio de Industria, Enerxía e Turismo, o primeiro prototipo destas tintas foi impulsado por Inoleo (Asociación do sector oleícola) e CITOLIVA (Centro Tecnolóxico do Oliveiral e do Aceite). Ambas as dúas partes coinciden en que a nova etiquetaxe intelixente verá moi pronto a luz xa que en breve se empezarán a aplicar as tintas. Respecto ao papel dos dous impulsores, Inoleo encargarase da validez do novo produto mentres que CITOLIVA se encargará de facer as probas das tintas en diferentes tipos de aceites de oliva.

“Buscamos dar un valor engadido aos produtos”, comentan dende CITOLIVA.  “Que as tintas sexan intelixentes implica que o seu composto activo é capaz de dar unha resposta ao estímulo externo requirido” o cal “permítenos traballar cunha gran cantidade de materiais que van dende compostos poliméricos, metálicos ou cerámicos”.

Entre as múltiples vantaxes das tintas, atópase a de ofrecer respostas concretas ás distintas necesidades dos clientes e a industria. Dende o CEIT-IK4 estanse a aplicar tecnoloxías para o desenvolvemento de microsensores. “A técnica permite fabricar sensores de baixo custo”, explican dende o centro tecnolóxico, ao mesmo tempo que aseguran que “pode aplicarse á etiquetaxe e equipamento intelixente”.

Esta técnica, denominada inkjet printing, detecta os alimentos en mal estado. “Ao estragarse os produtos, os sensores detectan os compostos volátiles que quedan despregados”. Neste sentido, o cambio de cor do sensor é o que indica o estado do produto. O escenario para o desenvolvemento do proxecto ETIVOL foi o ‘Cooking Lab’ de CITOLIVA, a primeira cociña experimental de España dedicada ao desenvolvemento de produtos saudables elaborados con aceite de oliva.

(Fonte: Innovaspain)