O coworking “Igape-EOI-Tecnópole” nace como un novo espazo para a actividade económica e profesional, destinado a impulsar ideas de negocio viables. A convocatoria está aberta a emprendedores cun proxecto empresarial en fase temperá de desenvolvemento ou cunha empresa creada recentemente -non máis de seis meses antes da súa incorporación ao espazo coworking-.
Esta iniciativa é froito da colaboración entre a EOI -Escuela de Organización Industrial- e o Igape, implementada no Parque Tecnolóxico de Galicia; no marco do programa Espacio Coworking a escala nacional da Escuela de Organización Industrial, cofinanciado polo Fondo Social Europeo. En Galicia son 11 os espazos que integran este programa, tres deles en Ourense: O Carballiño, A Rúa e o de Tecnópole.
No transcurso do programa desenvolveranse unha serie de actividades, como talleres nos que se axudará aos emprendedores a validar o modelo de negocio con metodoloxías áxiles, así como a desenvolver as habilidades imprescindibles para polo en marcha. Tamén participarán en sesións de mentorización por parte de expertos, centradas en acompañar aos emprendedores desde o deseño de modelo de negocio á posta en marcha e optimización do proxecto, dando resposta ás necesidades que xurdan no camiño. Por outro lado, celebraranse varias xornadas de formación grupal, onde se traballarán materias específicas para o impulso e despegamento dos proxectos do espazo coworking.
Como peche da edición, terá lugar o “Demo Day”, durante o cal se presentarán os proxectos participantes no coworking, a súa evolución e as posibilidades de colaboración cos mesmos.
A matrícula neste programa, que se desenvolverá entre os meses de febreiro a xuño deste ano, é gratuíta. Pódese solicitar praza en: https://www.eoi.es/es/espacios-coworking/tecnopole/admision.
Fonte: Tecnópole