Cotec lanza o seu Programa de Innovación aberta

“Moitas boas ideas quedan sen financiamento porque non encaixan nas convocatorias habituais”, sinala Jorge Barrero, director xeral da Fundación Cotec para a Innovación. A súa organización propúxose romper esta tendencia e por iso pon en marcha un novo concurso de ideas aberto a toda a sociedade para innovar en ámbitos como a educación e a economía.

A iniciativa recibe o nome de Programa de Innovación aberta e nela caben “todo tipo de propostas e de públicos”, destaca Barrero. Así, poden participar proxectos científicos, de creación artística, validación de novas técnicas, desenvolvemento de indicadores, análise de boas prácticas, accións de divulgación ou programación de eventos, entre moitos outros.

A convocatoria estableceu a educación como unha das súas áreas prioritarias. Neste ámbito poderanse presentar, por exemplo, proxectos de innovación que axuden a combater o fracaso escolar ou que favorezan a educación no medio rural.

Potencial innovador das empresas

No apartado de economía, valoraranse ferramentas para mellorar o coñecemento, a medición da actividade, o potencial innovador das empresas, así como as conexións entre innovación e emprego.

Os proxectos presentados, que poderán ser ideas que formen parte dun proxecto máis ambicioso, obterán un financiamento de ata 40.000 euros e deberán presentar resultados nun período máximo de seis meses. O prazo para presentar as solicitudes permanecerá aberto ata o 15 de abril. Na avaliación dos proxectos participarán como asesores expertos da plataforma Os 100 de Cotec, sinala a fundación.

A convocatoria ten unha partida global inicial de 150.000 euros na súa primeira edición e prevese que a súa periodicidade sexa anual.

Máis información.

(Fuente: COTEC)