Cotec lanza a segunda convocatoria do seu programa de innovación aberta

A Fundación Cotec lanza a segunda convocatoria do seu Programa de Innovación Aberta #PIA2017, co obxectivo de descubrir e financiar proxectos relacionados coa innovación cun enfoque aberto a calquera disciplina e área de coñecemento.

A través desta convocatoria, Cotec financiará total ou parcialmente proxectos que identifiquen, analicen ou aborden os seguintes retos: a automatización para un futuro máis humano, o valor do intanxible e o sector público innovador.

As propostas pódense presentar a través dun formulario online ata o 12 de xaneiro de 2018. Tanto as bases da convocatoria como o formulario de inscrición están dispoñibles en www.cotec.es/PIA-2017.

O programa está aberto a todo tipo de propostas e a todo tipo de público. Son así aptos para participar proxectos de investigación científica, teóricos ou experimentais; propostas de aplicación e validación de novas técnicas, metodoloxías ou solucións escalables (proxectos piloto); análise de boas prácticas nos ámbitos específicos do proxecto; accións de difusión que contribúan a divulgar e/ou, sensibilizar (celebración de eventos, creación de redes, celebración de debates,…); obras literarias, artísticas e audiovisuais; desenvolvemento de aplicacións e produtos tecnolóxicos, etc..

Os proxectos presentados obterán un financiamento máximo de 40.000 euros e deberán presentar resultados nun prazo máximo de seis meses. Na avaliación dos proxectos participarán como asesores expertos da plataforma Os 100 de Cotec.

Retos asociados á innovación

Para esta edición os retos propostos pola Fundación Cotec son tres. O primeiro é a automatización para un futuro máis humano: a transición dixital e, en particular, o desenvolvemento da robótica e a Intelixencia Artificial conducirá a ámbitos sociais e laborais altamente automatizados, ¿que novas formulacións educativas, éticas, socioeconómicas, regulatorios… son necesarios para aproveitar estas oportunidades en beneficio dunha sociedade máis próspera e xusta?

O segundo é o valor do intanxible: a sociedade do coñecemento esixe unha revisión profunda do xeito na que medimos e valoramos a economía: o talento, a experiencia, a formación, a I+D, as invencións, o software, a estrutura organizativa, a marca, ou a reputación -entre outros- son activos relevantes para explicar e predicir o comportamento de territorios e organizacións. ¿Como podemos coñecer mellor estes activos e fomentalos axeitadamente?

Por último, o sector público innovador: as administracións teñen un papel -investidor, comprador, regulador, promotor, difusor… – moi relevante no sistema de innovación e ao mesmo tempo son, en si mesmas, suxeitos susceptibles de innovar nos seus procesos e servizos. O reto de innovar -e axudar a innovar- dende o sector público é un dos principais colos de botella identificados por Cotec e son benvidas as propostas que nos axuden a vencer as actuais barreiras.

A primeira edición do Programa de Innovación aberta de Cotec foi lanzada en marzo de 2016 e recibiu preto de 2000 propostas, procedentes de 25 países e enviadas por solicitantes de 13 a 81 anos. Entre os finalistas houbo universidades europeas e latinoamericanas, colexios e institutos, organizacións internacionais, asociacións empresariais, empresas tipo ‘startup’ e ONGs, cumprindo co obxectivo inicial de Cotec de abrir o financiamento de proxectos innovadores á maior diversidade de propostas posible.

(Fonte: Cotec)