Correos realizou unha serie de probas con drons de tecnoloxía híbrida avión/miltirrotor nas instalacións do Instituto Nacional de Técnica Aeroespacial (INTA), localizadas en Castro de Rei (Lugo). O obxectivo: conseguir unha solución operativa que sexa “segura e eficiente” con drons para o transporte de mercadorías; concretamente na repartición de paquetería pequena en zonas rurais de difícil acceso, ou que estean illadas por diversas incidencias meteorolóxicas.
Segundo Correos, a propia compañía tivo a oportunidade de avaliar as vantaxes da utilización destas aeronaves grazas á colaboración coa startup Fuvex, que tamén desenvolveu este tipo de drons. Así, a tecnoloxía de ambas as dúas corporacións permite satisfacer dúas necesidades fundamentais: en primeiro lugar, debido ao despegue (e aterraxe) en vertical, os drons poden deixar a carga en calquera superficie, sen necesidade dunha infraestrutura alternativa; en segundo lugar, a capacidade de voar “ata cinco veces máis distancia que os drons convencionais”, dada a súa grande autonomía -definen os seus movementos en función dun plan preestablecido a través dos seus sensores e das instrucións recibidas dende a base-.
Por outro lado, estas aeronaves poden alcanzar unha velocidade de ata 100 quilómetros por hora, ademais de ser capaces de soportar ventos de 40 Km/h. Así mesmo, “para aumentar a flexibilidade da entrega e mellorar a seguridade da operación”, indican, estes drons dispoñen dunha baía de carga configurable -o lugar onde se gardan os paquetes-, que permite realizar diferentes entregas de carga.
“Con estas probas, -declaran nun comunicado- puidemos comprobar os límites desta tecnoloxía nun ámbito real, con problemática real, e seguir avanzando na definición dos procesos e recursos necesarios para poder implantar o servizo nun futuro, sempre co obxectivo de axudar ao carteiro no desempeño do seu labor mellorando os procesos coa máxima seguridade”.
(Fonte: Innovaspain)