Correntes de aire do metro para xerar enerxía eléctrica

A empresa Tunel Energy está a traballar no desenvolvemento dun prototipo de aeroxeradores para a súa instalación en condutos de ventilación e túneles do suburbano de Madrid de cara a xerar enerxía eléctrica aproveitando as correntes que se xeran no suburbano.

A empresa detalla que no tramo comprendido entre as estacións de Alonso Martínez a Gregorio Marañón, na liña 10, se poderían xerar 250 quilovatios ao día coa instalación de 100.000 aeroxeradores, o que equivale ao consumo de 25 fogares nun ano.

Estes aeroxeradores, case planos e cun reducido tamaño de 10 centímetros como máximo, permitirán que o proceso de instalación sexa rápido e sinxelo. Dado o seu tamaño e flexibilidade, poden adaptarse a calquera superficie, instalándose tantos como sexa necesario e podendo ter unha planta de calquera dimensión en moi poucos meses dende a posta en marcha do proxecto.

“O Noso obxectivo é ofrecer unha nova vía para xerar enerxía eléctrica que ofreza flexibilidade e que, sobre todo, sexa doada de instalar. As correntes e diferenzas de presión xeradas en lugares como as estacións de metro son unha potencial vía para xerar enerxía durante os 365 días do ano”, destaca o fundador desta empresa, Francisco Martínez Bugarín.

O proxecto de Tunel Energy foi premiado na pasada edición dos premios Madrid Subterra e xa se asinou un convenio de colaboración con Metro de Madrid para poder realizar os estudos necesarios para a realización do primeiro prototipo.

(Fonte: Europa Press)