O Grupo Coren asinou a compra de máis de catro millóns de quilos de castañas cos que alimentará aos seus porcos destinados á gama Selecta durante o 2023. Trátase dunha renovación do convenio de adquisición deste alimento que a cooperativa ourensá ten desde hai anos con Alibós, a principal empresa recolectora e transformadora de castaña de Galicia.
O convenio para 2023 ascende a 4,25 millóns de quilos de castaña, que representan unha achega económica de case sete millóns de euros. A cooperativa adquire este produto cada ano en tempada. Logo pasa por un proceso de pelado, cocción e posterior conxelado, o que permite a súa conservación anual.
Na última campaña de recollida de castaña, a colleita minguou debido a que a forte seca non favoreceu a este cultivo. O importante volume de demanda de Coren desempeña un papel estabilizador no sector, contribuíndo á xeración de riqueza e á dinamización económica do rural. Axuda a complementar os ingresos das familias do campo, ademais de preservar os soutos fronte ao risco de desaparición que sofren polo abandono.
Esta acción enmárcase dentro da Política de Responsabilidade Social do grupo ourensán, coa que trata de impulsar iniciativas dirixidas a fomentar o progreso da contorna rural no que desenvolve a súa actividade.
Fonte: La Voz de Galicia