Coren intensifica a actividade para dar resposta á crise do coronavirus

O Grupo Coren, como cooperativa agroalimentaria, segue a traballar para cumprir coa súa “responsabilidade de produción de alimentos, dentro da situación de estado de alarma en que nos atopamos”, xa que se trata de “un servizo básico á poboación”. Así o recolle o Real Decreto 463/2020 de 14 de marzo que establece o funcionamento de todos os centros de produción destinados a garantir o abastecemento de alimentos, valorando a función primordial que ten o sector agroalimentario. Iso require que toda a cadea funcione con normalidade, sempre co estrito cumprimento dos protocolos de seguridade e adaptándose aos requirimentos derivados da situación de alarma.
 

Deste xeito, a actividade do grupo “continúa a desenvolverse normalmente”, desde a subministración de alimentación animal, traballo en incubadoras e granxas ata a actividade nas industrias, “sen incidencias fóra das ocasionadas polo estado de excepcionalidade no que nos atopamos”. 

As plantas de produción do Grupo Coren continúan a atender os pedidos que reciben, xa que a cadea de subministración de alimentación “mantense activa grazas ao esforzo que está a realizar todo o persoal que traballa en calquera dos seus elos”. O volume de pedidos “mantense con respecto aos clientes de distribución”, xa que os supermercados continúan abertos para garantir o abastecemento á poboación, pero a demanda do sector hostaleiro “paralizouse por completo e notouse o impacto do peche da hostalaría”. 

A compañía destaca que, desde un primeiro momento, o Grupo Coren “está a aplicar todas as medidas de protección fronte ao coronavirus indicadas polas autoridades sanitarias, tanto estatais como autonómicas, implementando os protocolos de actuación establecidos pola Administración” e, a maiores, a cooperativa aprobou un protocolo específico de aplicación nas súas instalacións. 

Entre as medidas incluídas no referido protocolo, cómpre destacar que redobrou os controis e requisitos en materia de hixiene e seguridade -xa de seu moi elevados nunha industria alimentaria-, ademais da instalación de dispensadores de reforzo con solucións desinfectantes, entrega de máscaras a todos os traballadores (reforzando os equipos de protección cos que xa contaban antes), estrito control de acceso ás instalacións, comunicados informativos para socios e traballadores sobre medidas de protección e o reforzo do servizo médico, que se suman a outras accións como a cancelación de viaxes, feiras e visitas, así como a redución de reunións ao mínimo imprescindible ou a súa realización por vía telemática. 

O Grupo Coren constituíu a maiores un Comité de Seguimento a nivel interno que traballa de xeito permanente e con reunións diarias na adopción coordinada de todas as decisións que, no marco da actividade empresarial, puidesen afectar o funcionamento das industrias do grupo. 

Segundo fontes próximas, o Grupo Coren ten nestes intres maior carga de traballo que nas datas máis importantes de Nadal. 

Fonte: Faro de Vigo