As vendas de Coren creceron un 8,6% o ano pasado, ata os 1033 millóns. As principais producións do grupo rexistraron importantes crecementos, destacando un 9% en avicultura (fundamentalmente polo de curral) e un 5% en ovos campeiros. En porcino, Coren resalta a evolución da gama selecta de porco alimentado con castañas, que creceu un 30%.
O aumento de producións foi acompañado dun impulso do mercado exterior. O volume de exportacións cárnicas incrementouse un 8% con respecto ao ano precedente. As vendas fóra de España representan o 38% da facturación cárnica de Coren.
No 2017, o grupo deu impulso aos seus investimentos, por valor de 25 millóns, con dous proxectos protagonistas: a posta en marcha do centro de reprodución e selección xenética de avicultura de Friol (Lugo) e a ampliación do centro de procesado avícola de Santa Cruz de Arrabaldo.
Ao tempo que incrementa os seus investimentos, o grupo ourensán continúa recortando a súa débeda. Durante o ano pasado, reduciuse case un 20%, e sitúase xa por debaixo dos 68 millóns de euros.
Coren é a principal cooperativa cárnica española, e xera emprego en 6000 familias entre socios e traballadores. O grupo conta cunha rede de 22 industrias propias que abranguen todo o proceso produtivo de orixe a fin. Así mesmo, a cooperativa realiza anualmente compras a provedores na comunidade galega por valor de 200 millóns de euros.
Segundo o presidente de Coren, Manuel Gómez-Franqueira, os valores do grupo resúmense en “benestar animal, cos máximos estándares da Unión Europea, a saída de animais a campo, o coidado do medio ambiente, a trazabilidade e a innovación”.
(Fonte: La Voz de Galicia)