Tal e como informaron dende o grupo cooperativo ourensán, a investigación diríxese a desenvolver alimentos cárnicos adaptados a catro grupos poboacionais: pequenos de entre 6 e 24 meses, de 3 a 10 anos, adolescentes e mozos de 11 a 20 anos e, por último, maiores de 65. Para iso identifícanse os hábitos alimenticios que actualmente teñen estes grupos de idade para dar unha resposta acorde á súa demanda.
Alimentos específicos
Así, no caso dos bebés, obsérvase que existe no mercado unha ampla oferta de potitos, pero os pais que desexan preparar as comidas na casa non atopan alimentos específicos para eles, nin tampouco dispoñen de información nutricional sobre os produtos, idades óptimas de consumo ou formatos que ofrezan a porción axeitada.
Mentres, no caso dos nenos e adolescentes detéctase a súa preferencia por determinadas presentacións, como as hamburguesas, polo que a través deste proxecto se buscarán produtos máis saudables mantendo o seu sabor e facéndoos atractivos para os consumidores.
Na mesma medida, os alimentos dirixidos aos maiores de 65 anos pretenden dar resposta ás preocupacións deste grupo de idade, como son o coidado da saúde e o consumo de produtos baixos en graxas saturadas ou sal. Tamén dende Coren observan que, debido aos cambios da sociedade, cada vez hai máis maiores que viven sós e que en lugar de cociñar pratos elaborados prefiren os de doada preparación. Este proxecto ofrecerá novas gamas de alimentos que satisfagan as súas necesidades.
Sen aditivos
Serán elaborados seguindo as recomendacións da Organización Mundial da Saúde, contando para iso coa colaboración dun equipo de especialistas en nutrición. Desenvolveranse produtos naturais, sen aditivos, con características nutricionais adaptadas a cada idade e en presentacións e cantidades axeitadas.
Coren pretende posicionarse como referente en innovación alimentaria. Para iso traballarán en colaboración cos investigadores do Centro Tecnolóxico da Carne.
(Fonte: La Voz de Galicia)