Coren e Xunta invisten 24 millóns para investigar no sector cárnico

Noventa persoas —45 de Coren e as outras 45 do Centro Tecnolóxico da Carne (CTC)— comezarán en breve a desenvolver sete proxectos de investigación e innovación relacionados co sector agroalimentario en Galicia. A cooperativa ourensá e o citado centro selaron unha alianza estratéxica, apadriñada pola Xunta, e que suporá o investimento de 24 millóns de euros para investigación, dos que o 74% os porá Coren e o 26% restante a Xunta.

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijoo; o presidente de Coren, Manuel Gómez-Fanqueira, e o director do CTC, Miguel Fernández, deron a coñecer este luns o acordo nunha visita ás instalacións do Parque Tecnolóxico, á que tamén asistiron os conselleiros de Medio Rural, Rosa Quintana, e de Economía e Industria, Francisco Conde.

Os sete proxectos de investigación son para mellorar a calidade da carne de polo, incrementar os índices reprodutivos do polo de carne, abrir unha nova liña xenética de gando porcino, reducir o uso de antibióticos na cría de gando, deseñar un sistema de valorización de xurros e crear unha liña de alimentos funcionais adaptados ás necesidades nutricionais dos bebés e os anciáns.

Aumento do cadro de persoal

Para desenvolver todos estes proxectos o CTC duplicará a súa capacidade de traballo actual e incrementará tamén o seu cadro de persoal con persoal cualificado. Todos estes recursos permitirán, segundo o presidente da Xunta, “unha aposta a favor da innovación, unha aposta polo futuro de Coren, da agroindustria e do sector cárnico galego”.

O grupo agroalimentario ourensán poderá con isto dar un salto cualitativo nas súas actividades, sobre todo mellorando os seus actuais indicadores de investigación, desenvolvemento e innovación (I+D+i). Gómez-Franqueira, presidente de Coren, recordou na súa intervención que “nos últimos anos estabamos nun 0,6% da facturación, o que supón uns oito ou nove millóns de euros por ano” dedicados á innovación, pero que o obxectivo é elevar a porcentaxe ao 1% sobre o volume de negocio bruto anual.

O presidente de Coren recordou que a investigación está no ADN da empresa que fundou o seu pai, Eulogio Gómez Franqueira, na década dos 60 coa implantación de tres industrias e que hoxe chega ás 20, e coas 20 familias empregadas hai medio século ás 7200 persoas que forman parte actualmente dun grupo cooperativista que ten o 48% da cota de mercado do sector en Galicia.

A alianza de Coren co Centro Tecnolóxico da Carne permitirá ao sector agroalimentario galego incrementar o seu valor engadido. Na actualidade forman parte del 600 empresas, que dan traballo a 9000 persoas —das que 7200 están en Coren— e que factura anualmente uns 1400 millóns de euros, dos que en torno a mil millóns corresponden á empresa ourensá.

Un salto cualitativo nos 10 anos do Centro Tecnolóxico da Carne

Os proxectos auspiciados por Coren desenvolveranse no Centro Tecnolóxico da Carne, que ten a súa sede no Parque Tecnolóxico e que dependen dunha fundación pública que naceu hai quince anos. A entidade está dirixida por un padroado e un protectorado nos que están membros da Consellería de Medio Rural da Xunta. Hai dez anos que comezou a súa actividade e ten a Miguel Fernández como director xerente. Traballan nas súas instalacións e laboratorios 24 persoas, das que doce teñen título de doutor.

Agora asumirá o reto de desenvolver un convenio con Coren para participar en importantes proxectos de investigación que o obrigarán a duplicar a súa capacidade actual en recursos materiais e persoal altamente cualificado, como puxo de manifesto o presidente da Xunta, quen tamén ponderou que “cada vez máis vive dos recursos que xera”, mediante servizos que presta ás industrias do sector.

Feijoo, os directivos de Coren e os invitados á firma do convenio percorreron as instalacións do CTC, que se implicará no reto de mellorar a competitividade dunha empresa como Coren, que xa de por si fai importantes apostas pola calidade, a competitividade, a innovación e a internacionalización.

(Fonte: La Región)