Coren e o CTC presentan un proxecto pioneiro para recuperar os residuos das granxas porcinas con plantas acuáticas

Coren e o Centro Tecnolóxico da Carne puxeron en marcha o proxecto Valorpur, cuxo obxectivo é converter os residuos das granxas de porcino en fertilizantes ou biocombustibles mediante o uso de plantas acuáticas.

Este proxecto pioneiro en Galicia púxose en marcha na Planta de Investigación e Tratamento de Residuos Orgánicos, unhas instalacións anexas ao Centro de Selección Xenética de Coren, en Celanova. Conta cun investimento de 1.245.000 euros por parte do grupo Coren e cunha achega de 373.000 euros da Xunta de Galicia.

Nunha primeira fase está previsto que se traten as 20.000 toneladas de residuos xeradas anualmente nesta planta. Se a proba piloto resulta un éxito, a cooperativa formularase adaptar este sistema ao resto das súas granxas para minimizar o impacto ambiental das 250.000 toneladas de excrementos anuais que se producen nas súas granxas porcinas.

A Planta de Investigación e Tratamento de Residuos Orgánicos do proxecto Valorpur aposta polo uso das técnicas de depuración biolóxica, mediante plantas acuáticas, para xestionar o zurro xerado nas granxas da cooperativa.

Os residuos sólidos empregaranse para usos agrícolas como esterco adaptado a distintos tipos de cultivo (millo, pataca ou trigo, entre outros) ou para ser usado como biomasa buscando as mellores características para a súa combustión. Por outra banda, os residuos líquidos depuraranse con plantas macrófitas flotantes, con especies resistentes ao alto nivel de nitróxeno dos zurros.

Francisco Conde e Angeles Vázquez, conselleiros de Economía, Emprego e Industria, e de Medio Rural da Xunta de Galicia, respectivamente; cualificaron o proxecto como “unha oportunidade” para “impulsar a eficiencia enerxética e a sustentabilidade” da industria cárnica galega.

(Fonte: Innovamás)