Coren e Arteixo Telecom expoñen a súa experiencia co Fondo Tecnolóxico Europeo ante os empresarios de Tecnópole

Os empresarios e responsables de centros tecnolóxicos de Tecnópole –Parque Tecnolóxico de Galicia- tiveron ocasión esta mañá de escoitar a experiencia concreta de dúas pemes galegas, Coren e Arteixo Telecom, co Fondo Tecnolóxico, un instrumento financeiro habilitado pola Unión Europea para impulsar o desenvolvemento tecnolóxico empresarial.

Durante a xornada, responsables do Centro para o Desenvolvemento Tecnolóxico Industrial (CDTI) expuxeron que o Fondo Tecnolóxico é un recurso de financiamento privilexiado para as pemes galegas que queiran levar a cabo proxectos de I+D+i, xa que Galicia conta con máis de 405 millóns de euros para o período 2007-2013 e a maior parte desta dotación está sen adxudicar. A partida destinada a Galicia, comunidade prioritaria por atoparse no grupo das que se atopan en fase de converxencia, supón o 40% do total das axudas habilitadas para España mediante este instrumento.

En primeiro lugar, un técnico do CDTI explicoulles aos empresarios os instrumentos de financiamento e cooperación para proxectos de I+D+i contemplados no Fondo Tecnolóxico dende unha perspectiva nacional, coa exposición da experiencia da empresa agroalimentaria Coren, que ten o seu centro de I+D e o seu Centro Tecnolóxico de Incubación en Tecnópole, a modo de caso práctico.

A continuación, un representante do Programa de Pemes do VII Programa Marco de Investigación da Unión Europea desglosou os instrumentos de financiamento e cooperación para proxectos de I+D+i dende unha perspectiva internacional. Como caso real foi exposto o da peme coruñesa do sector das telecomunicacións Arteixo Telecom.

O Fondo Tecnolóxico é unha partida especial de fondos FEDER da Unión Europea dedicada á promoción da I+D+i empresarial en España. O CDTI foi designado para xestionar boa parte deste, priorizando o apoio a proxectos realizados por agrupacións de empresas por medio de tres novas modalidades de proxectos: os proxectos integrados, os proxectos de cooperación tecnolóxica entre pemes e os proxectos de cooperación interempresas nacional. Non obstante, o CDTI tamén apoia con cofinanciamento do Fondo Tecnolóxico proxectos individuais de I+D.

En calquera dos casos, as axudas poden chegar a cubrir o 75% do total do orzamento do proxecto, do que ata un terzo pode ser non reembolsable e o resto deberá ser devolto pola empresa no período de dez anos cun tipo de interese cero. A convocatoria para a presentación de proxectos está permanentemente aberta.