Coren busca alternativa ao cereal de Ucraína en Brasil ou Canadá

O Grupo Coren conseguiu aprovisionarse de cereal ucraíno de forma provisional, un dos seus provedores fundamentais até a invasión rusa. Chegou a Galicia o primeiro barco de millo procedente deste país desde o inicio do conflito bélico, con case 20 millóns de quilos de millo para a subministración do sector alimentario galego. Coren destaca que “é importante de cara a garantir o abastecemento de cereais polo bloqueo do mercado tanto ucraíno como ruso, que eran dous produtores moi importantes”.

Coren indica igualmente que a ruptura do equilibrio no mercado de materias primas “provocou que haxa escaseza nalgúns países (de feito hai racionamentos xa en países africanos), polo que é importante conseguir o desbloqueo do cereal que agora está paralizado pola guerra”.

O grupo alimentario galego asegura realizar “todas as xestións posibles para lograr o abastecemento de cereais, xa que aínda que a curto prazo non se prevén problemas de abastecemento, hai que estar observantes sobre a situación do sector”. A cooperativa trae a maior parte do cereal de Estados Unidos, Canadá e Brasil.

Outros custos

Por outro lado, os prezos das materias primas seguen a ser outra ameaza. O prezo da tonelada de millo ou trigo segue moi alto, sobre 400 euros a tonelada á súa chegada a porto (en concreto, 420 a tonelada de trigo e 380 a de millo). O Grupo Coren subliña que “estes niveis duplican os de hai pouco máis de ano e medio, xa que en agosto de 2020 a tonelada de trigo ou millo estaba ao redor de 180 ou 190 euros. Os cereais representan o principal custo para os gandeiros de avicultura e porcino, ao redor do 70%.

Fonte: La Región