Coren busca alimentos específicos para cada idade con Xunta e CTC

O Centro Tecnolóxico da Carne acolleu hai uns días a xornada “Novas tendencias en alimentos: estratexias diferenciais do sector cárnico”, na que membros da unidade mixta de investigación desenvolvida polo Grupo Coren, o propio centro e a Axencia Galega de Innovación, deron a coñecer os seus avances na busca de “alimentos diferenciados e orientados a diversas franxas de idade -nenos, maiores, mediana idade-, dentro do sector cárnico”, explicou David Robledo, xefe de I+D+i no Grupo Coren.

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, sinalou que este proxecto investigador, que se vén desenvolvendo dende o pasado ano e ofrecerá os seus resultados definitivos en 2017, conta cun presuposto de “24 millóns de euros, dos que seis son achegados pola Xunta e o resto por Coren”.

Engadiu que un dos obxectivos desta liña de investigación “é atopar produtos innovadores procedentes de despezamentos de polo, pavo e vacún, tratados con todas as garantías de seguridade alimentaria, e tamén novos procesos no tratamento da carne”. Neste sentido, están a desenvolverse dende esta unidade mixta liderada por Coren un total de sete proxectos repartido en cinco áreas, “a de benestar animal, a de calidade, desenvolvemento de produtos, ambiental e a área de valorización de recursos propios”, segundo explicou Robledo. Un destes proxectos, Nutrigrups, daba a coñecer os seus avances en torno “aos alimentos funcionais específicos para os máis novos e os maiores”, explicou Conde.

O conselleiro subliñou que esta liña de investigación é a que pode permitir “ao noso sector alimentario e a Grupo Coren manter o liderado no sector alimentario e o da carne en particular”. Conde recordou que Coren xa desenvolveu novos produtos exitosos no sector alimentario, como o xamón omega 3.

(Fonte: La Región)