Coren abre unha planta na que nacerán 100.000 pavos á semana

Até cen mil pavos á semana nacerán nas novas instalacións do grupo alimentario Coren no concello ourensán de Vilamarín. A cooperativa acaba de pór en marcha unha incubadora que equipou coa última tecnoloxía e que lle permitirá algo que non podía facer até agora: completar o ciclo de produción de pavo nas súas instalacións.

Até este momento as crías procedían de incubadoras de Francia. Agora o ciclo produtivo desenvolverase desde o principio e de maneira íntegra en Galicia. Os pavos que nazan nesta planta trasladaranse despois a granxas dos cooperativistas de Coren, onde se criarán de maneira tradicional, alimentándoos con cereais de calidade seleccionada.

A nave dispón dun sistema de monitorización do desenvolvemento embrionario desde o primeiro día de incubación até o nacemento do animal. O sistema reproduce as condicións naturais nas que se incubarían, eliminando a tensión e garantindo o benestar dos pavos, segundo explican desde a firma ourensá.

A planta, que ocupa unha parcela de máis de 20.000 metros cadrados na localidade de Sobreira, incorpora equipos de última xeración procedentes de países do norte de Europa, onde son moi esixentes co benestar animal. Así, o control dixital da nave permite supervisar todos os nacementos, desde calquera computador, tableta ou teléfono intelixente. Tamén é posible, do mesmo xeito, xestionar parámetros como a climatización das salas para axustar a temperatura e a humidade ás necesidades de cada zona específica.

Desde Coren apuntan, ademais, que a planta de incubación conta con mecanismos que garanten a bioseguridade da mesma. A cooperativa ourensá conta nesta nave para a produción de pavos cun sistema de medición automática da temperatura ao longo de todo o proceso de incubación: un conxunto de unidades de escaneo encárganse de tomala a través da casca, por infravermellos, a cada ovo. O dispositivo colle mostras de maneira constante e reacciona para manter a temperatura adecuada en todo momento.

Ademais, a nova planta, que xerou 25 postos de traballo, está equipada cunha caldeira de biomasa, para xerar enerxía térmica, e con placas solares que garanten o autoconsumo eléctrico.

A enerxía dos embrións

Por outro lado, as máquinas de aire acondicionado contan cun sistema de recuperación de enerxía dos embrións en desenvolvemento, aproveitando a calor que desprenden de maneira que prequentan o aire exterior, frío, que entra nas instalacións. Desta maneira, rebáixase de forma notable o consumo. Desde Coren aseguran que os principios de «sostenibilidade e respecto ambiental» inspiran as tecnoloxías empregadas para os sistemas de calefacción, ventilación, iluminación e depuración da auga.

«O tratamento de augas realízase mediante un reactor biolóxico, responsable da degradación da materia orgánica, e membranas de ultrafiltración con poros suficientemente finos para reter a totalidade dos sólidos en suspensión», especifican desde o grupo ourensán, concretando que a auga que se obtén tras este proceso reutilízase en procesos da planta e úsase tamén para regar o terreo. A estimación é evitar, cada ano, a emisión de 120 toneladas de dióxido de carbono.

Fonte: La Voz de Galicia